VÍDEO | "Hai infiltrados en toda España": a confesión dunha policía infiltrada en movementos sociais cataláns
O documental Infiltrats recolle a investigación de Directa, incluíndo por primeira vez algúns dos erros tecnolóxicos e operativos cometidos polos axentes e que contribuíron a destapar algúns dos casos.
"Nin é de Palma, nin se chama Marc, nin traballa de camareiro nun local de praia". Con estas palabras describía en xuño de 2022 o xornal quincenal catalán Directa o caso dun membro do Corpo Nacional de Policía (CNP), I.J.E.G., que nos últimos anos, aseguraba este medio, foi infiltrado con éxito no movemento independentista.
Tratábase dun axente da Policía española que recibiu en 2019 unha identidade encuberta "ao servizo do Goberno do Estado". I.J.E.G. accedeu co nome de Marc Hernàndez a entidades como o Sindicat d'Estudiants dels Països Catalans (SEPC), o Casal Popular Lina Òdena de l'Esquerra de l'Eixample, a organización antirrepresiva Alerta Solidària ou o colectivo polo dereito á vivenda Resistim al Gòtic.
Mais o caso de I.J.E.G. non é único no Estado español. Así o confirma tanto a investigación de Directa, publicada este domingo en formato videodocumental, como a confesión dunha axente infiltrada ao que durante tres anos foi a súa parella sen saber que formaba parte da Policía española.
Foi xusto un día antes de que o medio catalán destapara o caso desta policía infiltrada nos movementos sociais de Girona. Nunha videochamada co que era a súa parella, Óscar Campos —militante independentista e un dos encausados polos cortes nas vías do tren no primeiro aniversario do 1 de outubro—, María Isern Torres dille “Hai infiltrados en toda España”.
⚠️ Les confessions d’una infiltrada esquerden l'opacitat del Govern espanyol: “Hi ha infiltrats a tot Espanya”. https://t.co/O5XNi4fBh7 pic.twitter.com/0yNgguzXUY
— Jordi Salvia 🍉 (@jordisalvia) January 13, 2025
Nesta conversa, gravada por un equipo de Directa e plasmada agora no documental Infiltrats, Isern chega tamén a confesar que “todos os demais” infiltrados son da mesma promoción de axentes ca ela, asignados á unidade de Información, a que se “ocupa de terrorismo, de radicalismos violentos e, ademais, de tomar información de todos os demais aspectos”, afirma a policía.
A axente deixa entender que os axentes infiltrados descubertos até o momento poderían ser só a punta do iceberg. “Hai infiltrados en toda España, entender? En toda España: Salamanca, Málaga, Granada... Hai infiltrados en toda España”, insiste. “Vós asociáchelo todo ao independentismo. Non é verdade, non é verdade. Deixa de pensar na puta política, non queiras facer bombo diso porque as familias estráganse”, conclúe Isern pouco antes de que Campos corte a chamada.
No mesmo documental, unha produción de 3Cat, detállase por vez primeira algúns dos erros cometidos polos axentes infiltrados durante estas operacións e que permitiron destapar estes casos, aínda que todo semella indicar que poderían ser moitos máis.
