Catalunya

Descobren un axente da Policía española infiltrado no movemento independentista catalán

O axente, segundo informa o xornal 'Directa', recibiu unha identidade falsa en 2019, Marc Hernàndez, para actuar "ao servizo do Goberno do Estado" desde dentro de diferentes organizacións.
O axente respondía ao falso nome de Marc Hernàndez. (Foto: Marc Brugat / Europa Press)
photo_camera O axente respondía ao falso nome de Marc Hernàndez. (Foto: Marc Brugat / Europa Press)

"Nin é de Palma, nin se chama Marc, nin traballa de camareiro nun local de praia". Con estas palabras describe o xornal quincenal catalán Directa o caso dun membro do Corpo Nacional de Policía (CNP), I.J.E.G., que nos últimos anos, asegura este medio, foi infiltrado con éxito no movemento independentista.

Trátase dun axente da Policía española que recibiu en 2019 unha identidade encuberta "ao servizo do Goberno do Estado". I.J.E.G. accedeu co nome de Marc Hernàndez a entidades como o Sindicat d'Estudiants dels Països Catalans (SEPC), o Casal Popular Lina Òdena de l'Esquerra de l'Eixample, a  organización antirrepresiva Alerta Solidària ou o colectivo polo dereito á vivenda Resistim al Gòtic.

Após transcender esta información, o Sindicat e Alerta Solidària notificaron a expulsión deste home das súas organizacións e avanzaron que emprenderán medidas legais. "Se o Estado nos dedica estes recursos é que imos polo bo camiño", apuntou Martí Majoral, portavoz nacional de Alerta.

"Non podemos permitirnos o luxo de deter a loita. Estamos nun momento primordial para a defensa dos dereitos sociais máis elementais, entre eles, o acceso a un sistema educativo público de calidade que debe ser en catalán. O Estado non nos deterá, nin por vías legais nin ilegais", engadiu.

Pola súa parte, Marta Daviu, portavoz nacional do SEPC, lamentou estes "dous anos de mentiras" desta persoa para alcanzar "posicións estratéxicas" dentro do independentismo de Catalunya, se ben afirmou que as "alertas" para detectar "intrusos" nas organizacións "funcionan ben". Aliás, asegurou que a "represión" non os parará".

Este axente de policía encuberto, sostén Directa, foi visto por última vez en Barcelona o pasado 23 de maio: "Aquela noite e con aparente normalidade asistiu á asemblea de Resistim al Gòtic. Dous días máis tarde empezou a enviar evasivas aos grupos de Telegram onde participaba, asegurando que tivera que volver ás présas a Mallorca por un asunto persoal grave e que estaría alí durante días ou semanas".

Porén, e sempre segundo a versión deste medio catalán, "ninguén da súa contorna sabe a ciencia certa se realmente fuxiu da capital catalá".

Comentarios