Estas foron as consecuencias do temporal no inicio de 2023

A alameda de Chantada (Foto: Nós Diario).
2023 comezou pasado por auga na maior parte do país así como no norte de Portugal. En certas zonas da Galiza as chuvias deixaron tras de si grandes inundacións e múltiples municipios víronse afectados por danos materiais.
  1. Mondariz Balneario
  2. Chantada
  3. Portomarín
  4. Valença do Minho

2023 comezou pasado por auga na maior parte do país así como no norte de Portugal. En certas zonas da Galiza as chuvias deixaron tras de si grandes inundacións e múltiples municipios víronse afectados por danos materiais.

Aquí ofrecemos unha pequena lista dalgunhas das máis de 1.400 incidencias rexistradas.

Mondariz Balneario

No concello de Mondariz Balneario, a incidencia máis notábel deuse na Fonte de Troncoso. A forte riada que experimentou o río Tea entre o 31 de decembro e o 1 de xaneiro provocou enormes danos na propia Fonte.

Fonte de Troncoso, en Mondariz Balneario (Foto: SOS Fonte de Troncoso).

A forza da auga, que anegou por completo o vaso do manancial, de 145 metros cadrados e 3 metros de fondura, provocou a dislocación dunha das tres portas de dobre folla que dan acceso á fonte. A enchente do río, que nunca causara tantos danos neste ben cultural protexido, tamén provocou o deterioro no interior.

SOS Fonte de Troncoso, un colectivo veciñal que leva anos demandando a recuperación deste histórico manancial, quere facer un chamamento de urxencia para "que se adopten unha serie de medidas urxentes en defensa da fonte".

Chantada

En Chantada, as fortes chuvias combinadas co debordamento do río Asma que atravesa a localidade, provocaron grandes inundacións na zona da Alameda da vila.

A alameda de Chantada (Foto: Nós Diario).

Alí, os vehículos que estaban estacionados sufriron danos e moitos deles mesmo quedaron estragados de maneira permanente.

Portomarín

En Portomarín, o Club Naútico tamén se viu asolagado pola auga. Ademais, no resto do concello rexistráronse múltiples danos materiais en vivendas e vehículos.