Ensino

VÍDEO | Así decorreu a xornada de folga estudantil convocada por Erguer

Manifestación de Erguer esta terza feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
Con esta xornada de folga, as estudantes denunciaron o "progresivo deterioro do ensino nos últimos anos, ocasionado polas agresións perpetradas cara o sistema educativo público tanto por parte do Goberno español como da Xunta".

Esta terza feira culminou a campaña de folga estudiantil de Erguer. Estudantes da Galiza, sostida baixo o lema ‘Das aulas ás rúas, pola defensa do noso ensino’, na que a organización levaba traballando desde marzo “co obxetivo de organizar o estudantado e de devolverlle a súa capacidade mobilizadora e o seu espírito combativo”.

Erguer comparte unha valoración positiva das cifras de folga, xa que “reflicten un éxito, ao lograr 95% de seguimento entre as estudantes”, segundo aseguran.

Con esta xornada de folga, as estudantes denunciaron o “progresivo deterioro do ensino nos últimos anos, ocasionado polas agresións perpetradas cara o sistema educativo público tanto por parte do Goberno español como da Xunta”.

Entre estas agresións, desde Erguer destacan a aprobación da LOSU. "A nova lei educativa, aprobada polo actual Goberno do Estado para entregar as universidades ás grandes empresas e bancos. Con esta nova lei a universidade privada competirá deslealmente coa pública" rezaba o manifesto lido en todas as concentracións do país.

A este feito, hai que sumar, sinalan, a implantación neste curso, por primeira vez, dunha universidade privada no país, creada por Abanca. Así mesmo, sinalouse como outro ataque nesta ofensiva cara ao ensino público a reorganización da Formación Profesional, cuxo propósito e empregar ao alumnado en prácticas como “fonte de man de obra barata”.

Recortes

Finalmente, a organización sumou a estes motivos os continuos recortes en medios e persoal perpetrados polo Partido Popular desde a Xunta da Galiza, co “fechamento de numerosas escolas rurais e a reducción da calidade en todos os centros”.

Erguer. Estudantes da Galiza vén de insistir na necesidade desta convocatoria de folga contra o avance no país da “privatización do ensino e da suba dos prezos”, salientando a urxencia dunha lei galega de educación capaz de “construír un ensino público, laico, científico, feminista e de calidade”, ou o que eles definen como “un modelo de ensino accesíbel para todas e pensado por e para a Galiza”.