Víctor Lorenzo faise co primeiro premio 'Ágora' de fotografía

Carmela Silva (centro) e Uxío Benítez (segundo pola esquerda) membros do xurado. (Foto: Deputación de Pontevedra).
A Deputación de Pontevedra fixo entrega esta quinta feira dos premios de fotografía sobre o espazo público 'Ágora'. A convocatoria destes premios tivo unha grande acollida xa que a institución recibiu un total de 297 fotografías de até 62 persoas.

O primeiro certame de fotografía sobre o espazo público da Deputación de Pontevedra, '#FotoÁgora', repartiu onte os seus 32 galardóns premiando "imaxes simbólicas e de gran forza" que pretenden mostrar que as "persoas deben ser as 'propietarias' ou principais destinatarias do espazo público para mellorar a súa calidade de vida". 

Os recoñecementos, que alcanzan os 40.000 euros, entregáronse nunha gala de que se desenvolveu ao ar libre. Alí recreouse un 'salón de estar' dunha casa que representaba unha metáfora: "que as rúas e prazas das vilas e cidades deben ser o lugar no que a cidadanía se sinta máis cómoda".

O xurado do certame explicou que as imaxes premiadas "recolleron perfectamente todos e cada un dos principios da Rede Ágora de maneira visual e atractiva, facendo que as mensaxes que defende a Deputación de Pontevedra de recuperar os espazos públicos para as persoas fronte aos vehículos sexan claramente identificadas por calquera que as vexa".

Os galardóns

O primeiro premio foi para Víctor Manuel Lorenzo Santiago, un "entusiasta da fotografía" do Concello de Marín. A súa peza ten o título de Síntome un máis e foi realizada na praia do Bao, na Illa de Arousa, mostrando unha persoa en cadeira de rodas diante dunha bicicleta, circulando nunha zona accesíbel para persoas con dificultades de mobilidade. 

O segundo premio foi para Francisco Javier Arcenillas Pérez, fotógrafo e editor, titulado en Cinematografía e Realización na escola de Cine da Comunidade de Madrid e profesor de fotografía documental. A súa instantánea mostra unha nena pequena xogando soa entre ducias de pombas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que "este certame de fotografía reflicte como este novo modelo que estamos a desenvolver xa logrou a concienciación da xente porque todas as persoas que fixeron estas fotografías son verdadeiros axentes dese cambio".

A presidenta da institución fixo tamén fincapé na importancia que este feito ten tamén no eido da igualdade, xa que "rachou cun modelo urbano masculinizado, pensado por e para eles, que era hostil".

O vicepresidente da Deputación, César Mosqueira sinalou a importancia de "ter valentía política para levar adiante obras que inicialmente poden non ser ben recollidas pola cidadanía". 

Pola súa parte, o deputado provincial Uxío Benítez subliñou que o premio de fotografía '#FotoÁgora' foi concibido para promover e difundir de maneira gráfica e amena a filosofía que promove a Deputación de que os espazos públicos son un dereito das persoas.