Verín, pola dignidade profesional e da sanidade pública

Concentración en apoio a Javier Castrillo diante do Hospital Público de Verín (Rosa Veiga / Europa Press).
O 30 de novembro de 2019 a bisbarra de Verín saíu á rúa en masa para defender o futuro da sanidade pública comarcal. Esa convocatoria, anterior ao anuncio por parte do Sergas do feche do paritorio e das urxencias pediátricas do hospital local, converteuse na primeira gran manifestación pola continuidade de ambos os dous servizos. Un ano despois, a veciñanza volveuse xuntar por unha sanidade digna, de calidade e libre de represalias. Desta forma, a comarca ofreceu o seu apoio unánime ao xefe de Xinecoloxía expedientado por Sanidade. 

Verín non se fecha. O movemento social que logrou a reapertura do paritorio mais do servizo de pediatría do hospital público da comarca tras dous meses de clausura por parte do Sergas volve coller folgos un ano despois do seu nacemento. Faino a raíz do expediente disciplinario aberto ao xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do centro, Javier Castrillo, tras opoñerse, hai xusto un ano, ao traslado dun neno acabado de nacer en Verín ao hospital de Ourense.

Castrillo acabouse convertendo nunha das caras máis destacadas da loita polo futuro da sanidade comarcal e pola continuidade da atención aos partos e á infancia. A canda el, o resto do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía, formado na actualidade por cinco matronas, tres xinecólogos mais unha pediatra. Onte acudiron en bloque ás portas do hospital para "apoiar un compañeiro que, ademais, é o noso xefe de servizo", explica a Nós Diario Belén Vázquez, matrona e integrante do equipo que dirixe Javier Castrillo.

Inxustiza

"Parécenos unha inxustiza o que están facendo, centrar na súa persoa certas represalias por todo o que aconteceu o ano pasado", censura a matrona. Entón, "el foi a cara visíbel" das protestas e da loita polo dereito das mulleres de toda a contorna a parir en Verín, perto da súa casa, sen necesidade de desprazarse a Ourense.

"Un ano despois non contabamos con esta sorpresa tan desagradábel, por eso queremos mostrarlle todo o noso apoio. Somos un equipo pequeno pero moi unido", recalca, tamén en favor do xefe de Xinecoloxía.

Queremos mostrarlle todo o noso apoio ao xefe de servio. Somos un equipo pequeno pero moi unido

"Javier Castrillo foi un dos profesionais que máis se implicou e máis defendeu o dereito das nais e das crianzas a recibir unha asistencia de calidade sen saír da súa comarca", asegura Aurora Sola, voceira da plataforma en defensa da sanidade pública de Verín e Monterrei.

"Non se entende que lle abran un expediente disciplinario por este motivo", engade, de aí que esta vez a xente da bisbarra decidise volver a manifestar o seu rexeitamento público contra esta decisión da Consellaría de Sanidade. "Se cabe, con máis forza, con maior enfado e tristura ante  unha iniciativa que busca vingarse e castigar un profesional que deu a cara e contribuíu a que o paritorio volva a estar en funcionamento", incide.

A sala de partos e as urxencias pediátricas fecharon por orde do Sergas o 1 de decembro de 2019. Tanto o xerente da área de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, como o Goberno da Xunta esgrimiron criterios técnicos e de seguridade para xustificar a supresión dos servizos.

Informes técnicos

"A día de hoxe seguimos sen ter acceso aos informes considerados pola Administración para ordenar o feche de Verín, e iso que no seu día presentamos unha solicitude no rexistro, para coñecer os detalles que supostamente avalan a clausura do paritorio. Nunca obtivemos resposta", salienta Belén Vázquez. Nin tampouco unha desculpa, aclara.

A falta de pericia das profesionais e o escaso número de nacementos foron os dous argumentos de cabeceira empregados polo Executivo galego para defender os recortes.

Seguimos sen ter acceso aos informes considerados pola Administración para ordenar o feche de Verín

"Despois dun ano, ningunha desas razóns se sostén", asevera Aurora Sola. Dunha banda, explica, a sociedade nunca puxo en dúbida a valía do persoal sanitario, e doutra, ilustra, desde o 4 de febreiro que volveu abrir o paritorio, "en Verín xa naceron máis dun cento de nenos e nenas", sen contar as que o fixeron en Ourense mentres a sala de partos estivo fechada.

"Cando aludiron á falta de pericia profesional, fixéronnos moito dano. E ninguén resarciu ese agravio publicamente", lembra  Belén Vázquez. "Tampouco contamos con que o faga. o único que queremos é que nos deixen en paz, que deixen traballar tranquilas, porque desde os hospitais pequenos podemos facer moitas cousas e desde Verín estámolas facendo estámolas facendo".

"Subidón"

A matrona recoñece que a reapertura da sala de partos supuxo un "subidón" que veu acompañado dun aumento notábel da actividade. "Moitas mulleres que nunca pensaran en parir en Verín empezaron a ternos en conta. Outras descubríronnos a partir do espazo de educación maternal en liña que creamos. Ademais, o confinamento trouxo á comarca mulleres doutras localidades que acabaron parindo aquí".

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]