“Castrillo non se toca”: Verín mobilízase contra o expediente do Sergas ao xefe de Xinecoloxía do Hospital

Unha imaxe da concentración desta segunda feira (Foto: PSdeG)

Na concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. Javier Castrillo atribúe o expediente contra el a unha "revancha" por ser a cara visíbel do movemento contra o feche do salón de partos. 

 

Hai un ano o berro era “Verín non se pecha”, lema que percorreu faixas, cartaces, camisetas para se opoñer á intención da Xunta de clausurar a sala de partos do Hospital verinés.

Agora, un ano despois, o lema é “Castrillo non se toca”, na defensa do xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín e para instar á Xunta a "rectificar" a apertura dun expediente a este profesional, no que tanto o propio profesional como os que o apoian ven "unha vinganza política".

Convocados pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, ducias de veciños e veciñas concentráronse en Verín para manifestar o seu apoio a Javier Castrillo. Acompañando a mobilización, cargos e representantes de BNG e PSdeG. Algunhas fontes pontaban a que foron "varios centos" os veciños e veciñas que tomaron parte na concentración. 

Eu, no seu momento, fun a cara máis visíbel dunha loita por conservar este salón de partos e hai persoas que non aceptan iso

O propio Castrillo interviu na mobilización para pedir “respecto” para a loita dos verineses e do “medio rural” e o seu “dereito a vivir con dignidade”, dotado dos servizos necesarios.

O xinecólogo, xa en declaracións aos medios, sinalou que as persoas que incoaron un expediente contra el “non o fixeron por motivos dignos”, senón porque “eu, no seu momento, fun a cara máis visíbel dunha loita por conservar este salón de partos e hai persoas que non aceptan iso”.

Sobre Castrillo pesa un expediente disciplinario aberto por Sanidade, que xurde sen outra motivación que o feito de que se involucrara nas protestas. Mais preguntado polos medios, Feixoo rexeitou que exista “unha persecución” ao especialista.