Verín marca unha semana chave para a sanidade

(Brais Lorenzo)
A conta atrás para a manifestación en defensa da sanidade pública galega do vindeiro domingo en Compostela comeza coa reapertura da sala de partos e das urxencias pediátricas do Hospital de Verín.

Despois de 63 noites de peche no Hospital de Verín, a confirmación da reapertura da sala de partos e das urxencias pediátricas do centro comarcal suspendeu o encerro e deu paso á celebración.

Ás oito da mañá de onte, a directora do distrito sanitario de Verín, Guillermina Agulla, confirmou que os servizos clausurados o pasado decembro volvían estar dispoñíbeis. E ratificouno a presenza dunha pediatra, polo momento, a única que, desde onte, forma parte do cadro de traballadoras do hospital comarcal.

Reinicio

No seu reinicio, "o servizo comeza a funcionar mellor do que pechou", asegura o xefe de Xinecoloxía e Obstetricia de Verín, Javier Castrillo, en conversa con Nós Diario. A diferenza, apunta, está na incorporación desa nova pediatra ao cadro de persoal propio. A partir de agora, co apoio doutros dous profesionais que se sumarán ás gardas localizadas, "estamos en condicións de ofrecer atención pediátrica as 24 horas do día", salienta Castrillo.

"A idea é contratar outro especialista para poder crear un servizo de pediatría propio".

Despois de varios contactos con pediatras interesadas na oferta laboral lanzada desde o distrito sanitario de Verín, a dirección só conseguiu formalizar un acordo. Mais a idea, di o xefe de Xinecoloxía, "é contratar outro especialista para poder crear un servizo de pediatría propio". Así llo trasladou a directora do hospital, quen a falta de culminar os seus plans de contratación, anunciou que a próxima semana "abrirá a consulta de pediatría, ademais de ter xa en marcha a de neonatos", explicou.

Neste sentido, Javier Castrillo afondou nunha eiva que lastra a asistencia pediátrica en todo o territorio. "Os pediatras están en perigo de extinción, máis cando se trata de reforzar un hospital comarcal do que descoñecen a realidade". Castrillo avoga por incentivar a contratación, e sobre todo por corrixir un defecto de formación. "Debería ser obrigatorio para o especialista rotar por hospitais de todos os niveis para coñecer as diferenzas e as necesidades de cada contorno de traballo".

De Cee-Corcubión a Verín

A nova pediatra do Hospital de Verín chega procedente do servizo de Atención Primaria. Até a semana pasada atendía as crianzas de Cee e Corcubión no centro de saúde da primeira localidade. A súa marcha supliuse cun médico de familia con formación en puericultura procedente de Muxía-Dumbría, que desde onte, tamén, conta cun profesional das mesmas características para atender os casos propios de pediatría. Unha medida que non convence as usuarias, xa mobilizadas para recuperar a figura dunha especialista.

Loita cívica e ordenada

O transvasamento de profesionais transfire unha loita que en Verín culminou en éxito. O responsábel de Xinecoloxía do Hospital de Verín gabou a vitoria da veciñanza, "da xente que durante tantos días mantivo unha loita cívica, ordenada e respectuosa". 

"O transvasamento de profesionais transfire unha loita que en Verín culminou en éxito".

"Estamos moi contentas", recoñece a portavoz da Plataforma en defensa da sanidade pública de Monterrei ao pouco de abandonar o peche nas dependencias hospitalarias. "Acabamos de recoller as nosas pertenzas e de embalar os carteis que colgaron das paredes do hospital estes meses. E facémolo satisfeitas porque esta reapertura é o triunfo da cidadanía, que nunca perdeu o ánimo nin se rendeu". Ao contrario, insiste Sola en declaracións a Nós Diario, "esforzouse ao máximo para recuperar unha atención básica que nunca deberan ter retirado".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.