A marcha da pediatra de Cee a Verín desata as protestas na Costa da Morte

Varias familias manifestáronse en Fisterra reclamando a cobertura da baixa do único pediatra (Imaxe: Fran Hermida).
Desde as veciñas da Costa da Morte denuncian a súa deficiente cobertura pediátrica. A marcha a Verín da profesional que atendía ás crianzas de Cee e Corcubión desatou de novo as protestas. En Fisterra, familias concentráronse na praza do Concello para denunciar a falta de pediatra desde o 19 de xaneiro.

Onte, ás 11 horas, ducias de familias concentráronse na praza do Concello de Fisterra, á beira do centro de saúde. A súa denuncia obedece a unha delicada situación pola falta de profesionais, na que cada baixa orixina unha reacción en cadea.

Fran Hermida, veciño de Corcubión e pai dunha crianza de cinco anos resume e a situación a Nós Diario: "En Zas non hai servizo de pediatría, polo que se teñen que desprazar a Vimianzo; en Muxía e Dumbría comparten un pediatra que atende tres días no primeiro e dous no segundo; en Fisterra hai un pediatra que leva un mes de baixa e a pediatra que atendía en Cee, que agora absorbeu tamén aos nenos de Dumbría, vai marchar a Verín".

Tratan de tapar hemorraxias con apósitos, denuncia Fran Hermida

Hermida sinala que nos municipios de Cee e Corcubión, onde convive moita rapazada, o nivel de rotación das pediatras do servizo de saúde é moi alto pola súa "saturación". "Desde hai tempo non teñen un pediatra por cada Concello e tratan de tapar hemorraxias con apósitos. Non cumpren coas proporcións que deberías ter e cando as profesionais son conscientes do alto nivel de traballo queren marchar", denuncia.

A crianza de Hermida é usuaria do centro de saúde de Cee. "O outro día tiven que levala por unha urxencia e a pediatra tiña todo o cadro ocupado, ademais de outras sete ou oito urxencias pediátricas máis. E non se trata de algo puntual, é diario", explica el.

A saturación non é algo puntual, senón diario, di Hermida

Este veciño tamén denuncia que as substitucións das prazas vacantes se cubran con médicas de familia con formación en puericultura. "Están mandando facer substitucións a persoas que non son pediatras", abunda Hermida. A delegada de CIG-Saúde, Ana Lestón, demandou cubrir os postos con pediatras “non puericultores”, que é “a especialidade propia. A xerencia da área sanitaria da Coruña e Cee asegurou que se atopa “traballando” nesta cuestión. Ao tempo, as mesmas fontes informaron de que “hai moita demanda e pouca oferta”, nomeadamente na rama de pediatría. 

De Cee a Verín
A da Costa da Morte únese a unha longa serie de protestas no territorio galego pola falta de profesionais desta rama. Ferrolterra, a Mariña, o Morrazo, Verín ou Touro son algúns dos municipios afectados que nas últimas semanas saíron á rúa. Neste caso a solución de Verín, que precisaba cubrir dúas prazas de pediatría para que o paritorio do hospital público reabrise, agravou a problemática da Costa da Morte. 

"É unha tomadura de pelo", denuncia Fran Hermida. Na comarca xa se realizaron contactos para convocar protestas "de forma coordinada". "Falamos de miles de nenos", censura.