Juan Gestal: "Veremos algún foco máis coma o do Barbanza no verán"

Juan Gestal Otero (Imaxe: Nós Diario)
Durante o estado de alerta, o profesor emérito pola Universidade de Santiago de Compostela contribuíu a divulgar información científica sobre o coronavirus. 

—Chegamos á fase da nova normalidade, como evolucionou a COVID-19 até hoxe?
A evolución foi a que cabía agardar visto o que pasou en Wuhan. A aquelas comunidades, como Galiza, que se fecharon cando a enfermidade aínda estaba comezando, afectounos menos que a outras que o fixeron máis tarde. Aquí axudou a maior diseminación da poboación, non contar con grandes núcleos urbanos, e a situación mais periférica que fixo que o virus chegara mais tarde, e sen dúbida unha boa xestión. Agora temos que adaptarnos a esta situación de "nova normalidade", que aparte da incorrección do termo, aínda non é de normalidade, senón dunha reactivación da vida con moitas precaucións para evitar a volta da COVID-19.

—A mobilidade en todo o Estado e a apertura de fronteiras incrementa a posibilidade de novos rebrotes?
Ao longo do verán seguramente veremos algúns focos máis coma o do Barbanza asociados coa chegada de turistas e favorecidos pola baixada da garda nas medidas de prevención.

—Que medidas se deben tomar nun caso coma ese?
Débese actuar o mais precozmente posíbel na detección dos casos e na busca dos contactos, illándoos o antes que se poida para impedir a extensión do brote como se fixo agora en Ribeira e na Pobra.

—Está preparado o sistema de saúde galego para xestionar estes rebrotes?
Si, o Sergas está moi alerta, o que lle permite detectar precozmente os casos que podan presentarse.

—Considera que sería necesario reforzar o Sergas?
Seguramente, se se agarda que sexan moitos os visitantes, pois o Sergas debe ter en todo momento capacidade suficiente para detectar en pouco tempo todos os casos que se produzan e localizar os seus contactos. Unha vez se volva a normalidade debe acometerse, entre outras reformas, o desenvolvemento da saúde pública a nivel periférico integrándoa nas áreas de saúde para ser mais eficiente ante novos desafíos epidemiolóxicos, algo que aínda está pendente desde a aprobación da Lei Xeral de Sanidade de 1986.

—A poboación debe seguir extremando as precaucións?
Si. Este brote de Ribeira ven moi ben neste momento, no que está comezando o verán, para lembrar unha vez máis que a pandemia non rematou. Ata que dispoñamos dunha vacina, non debemos baixar a garda, mantendo en todo momento a distancia de seguridade, usando a máscara na rúa e nos lugares fechados, cando no podamos manter dita distancia, e lavando con frecuencia as mans ou hixienizándoas cunha solución hidroalcohólica.