“A ver se nos damos conta dunha vez de como son eu”

Luciano Méndez xustifica os comentarios sexistas que lle proferiu a unha alumna.
O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) suspendido das súas funcións polos seus comentarios machistas asume o seu comportamento e asegura que o defenderá ante quen faga falta. “Ese son eu e vouno facer sempre”, afirmou.

En declaracións á Televisión de Galiza e TVE recollidas por Europa Press, o profesor da USC, suspendido das súas funcións desde esta cuarta feira, xustificou os comentarios que lle dedicou a unha das súas alumnas durante unha clase de matemáticas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

“Dáme igual que me mande o reitor, o presidente de España ou Cristo bendito, eu non lle dou clase a mulleres en topless, a ver se nos damos conta dunha vez de como son eu. E non me preocupa en absoluto defender isto ante quen faga falta, porque é o que quero facer. Ás miñas clases vense a traballar”.

Dáme igual que me mande o reitor, o presidente de España ou Cristo bendito, eu non lle dou clase a mulleres en topless

Na súa explicación ante os medios, sen preguntas das xornalistas, Luciano Méndez quixo aproveitar esta polémica para referirse a outro asunto “que me preocupa máis para a miña imaxe pública, que é ser acusado de maltratador. Fun absolutamente absolto dese problema. Ser acusado de non darlle clase a xente en topless non me preocupa, vouno facer sempre; agora, pegarlle ás mulleres, non. Nin ás mulleres nin a ninguén. Eu non son unha persoa violenta”.

A USC resolveu a suspensión cautelar de Luciano Méndez ante a gravidade dos feitos dos que o acusan, e anunciou a apertura dun procedemento sancionador que avaliará todas as probas antes de emitir a resolución definitiva. "Son feitos moi graves que hai que tratar de erradicar desta Universidade”, declarou o reitor Antonio López durante a comunicación pública das medidas provisionais acordadas.