Nova denuncia contra os comentarios machistas do profesor Luciano Méndez

Concentración estudiantil contra Luciano Méndez no Obradoiro
Unha alumna de primeiro de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acusa o profesor Luciano Méndez de comentarios sexistas e “pouco afortunados” no transcurso dunha aula de matemáticas para Economistas I que imparte en calidade de docente substituto.

“Era a terceira vez que tiña clase con el e senteime en primeira fila, coma sempre. Pouco despois de empezar a ver os exercicios pediume que me quedara a falar con el ao rematar, pero ao cabo de dous minutos decidiu que o que tiña que dicirme mo ía dicir diante de todo o grupo. Pediume que me cambiase de sitio, que me sentase ao final de todo porque co escote que levaba non podía estar na primeira fila dunha clase de matemáticas”.

Son as palabras de Carmen Carballido en declaracións a Sermos Galiza poucas horas despois de ter vivido “nerviosa e avergoñada” un episodio polo que lle esixe responsabilidades á USC. Nun escrito con data do 22 de outubro de 2019, pídelles ao decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais máis ao reiterado da Universidade que “tome medidas ante este tipo de situacións”.

Non é a primeira vez que alumnas de Económicas, e por extensión, alumnado doutros centros protestan contra o profesor da USC e denuncian o seu comportamento machista. “Tras o seu comentario, as miñas compañeiras e compañeiros de clase comezaron a recriminarlle as súas palabras, pero no cante de desdicirse, reafirmouse e incluso lle pediu ao resto do grupo que viñera mirar para min, xulgarme e dicir se ía provocando ou non”.

Machista e reicidente

Carmen Carballido recoñece terse sentido sinalada e humillada, pero tamén ben arroupada polo resto do alumnado que asistía a clase do profesor Luciano Méndez esta terza feira. “Chegou a dicirme que podía facer topless ou ensinarlle as tetas pero non en clase. Nese momento decidín marchar. Nin lle dirixín a palabra nese momento nin fóra da clase, cando se volveu dirixir a un grupo no que había varias compañeiras formulando unha queixa colectiva que han presentar nas próximas horas".

Salvo un mozo que decidiu quedar e asistir á clase de matemáticas do profesor Méndez, o resto do alumnado abandonou a clase poucos minutos despois de que o fixese Carmen Carballido, e após novos comentarios do docente mofándose do avance do feminismo, das protestas das estudantes e dos seus reproches.

“Nese último encontro que tivemos con Luciano Méndez na entrada da facultade aproveitou para dicirnos que non se arrepentía do que dixera, que o mantiña, e que chegará ata onde haxa que chegar defenderse. Foi moi chulo e desafiante, violento nalgúns momentos; por iso creo que a Universidade debe tomar medidas, máis cando isto non é a primeira vez que pasa. De feito, chegou a insinuar que me vestín como o fixen hoxe porque sabía dos seus antecedentes”, explica Carballido.