Un Vento Vén convoca unha manifestación contra a “invasión” eólica

Presentación da convocatoria de mobilización, esta segunda feira en Lugo. (Foto: Un Vento Vén)

A mobilización partirá da Torre da Mosquera ás 12.30 horas do domingo 21 de maio

O Centro Social A Hedreira, en Lugo acolleu esta segunda feira a presentación en rolda de prensa da manifestación "O pobo galego unido contra a depredación enerxética", convocada pola coordenadora local Un Vento Vén en Lugo ás 12.30 horas do domingo 12 de maio.

“Con esta comparecencia queremos facer un chamamento á cidadanía para visibilizar a oposición social crecente, tanto nas áreas rurais como urbanas, á proliferación masiva de polígonos industriais eólicos imposta pola Xunta da Galiza e o Goberno do Estado español ao rebufo dos intereses do oligopolio enerxético”, defenderon desde a coordenadora.

A produción de enerxía renovábel ten que levarse a cabo “dun xeito racional e ordenado, e non a base de modificar a lexislación para dificultar a participación social e acelerar o desenvolvemento de polígonos industriais eólicos sen ter en conta os seus impactos medioambientais e humanos, como está a acontecer arestora”, afirmaron.

Estes polígonos afectan directamente ás augas, á paisaxe, a “unha cuestión esencial para a nosa supervivencia como é a produción de alimentos”, así como á flora e á fauna protexidas, prexudicando directamente a “calidade de vida da veciñanza, que de executarse estes proxectos verían relegadas as aldeas nas que habitan á condición de ‘parcelas’ dun polígono industrial”.

“Invasión” de proxectos

A produción de enerxía debe facerse, segundo Un Vento Vén, “baixo criterios que respecten a nosa contorna, o noso patrimonio, a ecoloxía e a vida de xente”, e non “dándolle para adiante ás présas e masivamente ás Declaracións de Impacto Ambiental (DIA) -como fixo a Xunta da Galiza coas 77 aprobadas a principios de ano-, nin lanzando de golpe 75 polígonos”, como anunciou o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, a finais do mes de abril.

Esta “invasión” de proxectos eólicos non ten como “principal obxectivo descarbonizar a economía” para satisfacer as demandas enerxéticas da poboación nun “mundo máis xusto”, senón que, para a coordinadora local Un Vento Vén, responde a fins economicamente lucrativos para as empresas, “convertendo a electricidade noutra burbulla especulativa máis na que o mercado é o único importante”.

Parálise “inmediata” do plan eólico vixente

Tendo en conta estas cuestións, Un Vento Vén pide paralizar, “de xeito inmediato”, o plan eólico vixente e os proxectos en trámite, e apostar por un modelo enerxético “transparente, xusto, descentralizado e descarbonizado, que potencie a soberanía enerxética dos pobos, con redución do consumo e sustentado en redes de distribución local”.

O domingo 21 de maio, ás 12.30 horas, seguindo o ronsel de Foi Polo Vento e Veu Polo Aire “e de tantas compañeiras que loitan”, a coordinadora sairá á rúa en Lugo para berrar que “Un Vento Vén, un vento cada vez máis forte, que sabe da insostenibilidad deste modelo económico, e que lembra que o territorio tamén é noso e a forma de habitalo perténcenos”.