Cabo Estai, un 'pelotazo' urbanístico frustrado en Vigo

Vía construída en cabo Estai, Vigo, onde se pretende levar a cabo unha promoción inmobiliaria. (Foto: Nós Diario)
Desde o comezo destas obras, o proxecto estivo envolto en dúbidas e sospeitas "fundadas", denunciadas pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia, firme defensora dun Estai "natural e para a veciñanza".

"Los Cabos, a urbanización de vivendas unifamiliares que se construirá na área viguesa de cabo Estai, un dos recunchos máis exclusivos das Rías Baixas, ás beiras do océano Atlántico e baixo a maxestosa mirada das illas Cíes". Así presenta a día de hoxe unha firma inmobiliaria o seu novo proxecto en Vigo, a pesar de ser un "pelotazo" que deixa xa 11 persoas investigadas.

Comezaron en marzo de 2022 coa construción dunha estrada que une a rúa Arquitecto Antonio Cominges co mar. Unha estrada sen a cal non poderían culminar o plan: a construción de seis casas de luxo na última parcela que fica sen urbanizar en cabo Estai, un dos puntos máis occidentais de Vigo.

Desde o comezo destas obras, o proxecto estivo envolto en dúbidas e sospeitas "fundadas", denunciadas pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia, firme defensora dun Estai "natural e para a veciñanza", e apoiadas polo BNG da localidade, que xa en abril de 2022 pedía unha paralización cautelar das obras que non chegaría até un ano máis tarde.

Entre as irregularidades desveladas polo colectivo veciñal está a usurpación de varias fincas por parte da promotora para a construción da vía en cuestión, chegando a rexistrar ao seu nome nunha notaría da Caniza (comarca da Paradanta) varias das fincas do cabo. 

Ademais, o terreo sobre o que se pretenden construír as vivendas de luxo está clasificado, após a aprobación inicial do PXOM, como rústico de protección de costas. Unha declaración urbanística que busca protexer o valor ambiental do espazo e que leva ao fracaso a promoción dos inmóbeis.

Ante a posíbel falsidade documental e perante un suposto delito contra a ordenación do territorio, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil abriu unha investigación que destapou a implicación na promoción inmobiliaria dun traballador da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo que tería emitido, presuntamente, informes favorábeis á construción da vía e contrarios á ordenación urbanística. 

A causa destes supostos, a Fiscalía estaría investigando até 11 persoas implicadas, entre elas dos traballadores da Xerencia de Urbanismo de Vigo e os arquitectos que elaboraron o proxecto e dirixiron as obras, así como a propia construtora que fixo a vía.

Visto e prace do Concello e da Xunta

En abril deste ano, o secretario da Xerencia de Urbanismo de Vigo viuse obrigado a desmentir o propio organismo, emitindo desta volta un informe desfavorábel sobre as licenzas urbanísticas de parcelación, construción de vivenda unifamiliar e apertura da vía, decretando ademais a suspensión cautelar das obras

Con todo, e en resposta ás  múltiples denuncias presentadas polo BNG no consistorio vigués a través do seu portavoz, Xabier P. Igrexas, o Executivo local insiste en que na tramitación das licenzas iniciais contaban cos informes técnicos e xurídicos favorábeis, non só municipais, "senón tamén os preceptivos de Costas da Xunta da Galiza" e coa aprobación de Urbanismo da Consellaría de Infraestruturas.

As obras en cabo Estai estarán paralizadas cando menos, informan desde o Concello, até que a Xustiza esclareza as irregularidades denunciadas pola veciñanza de Oia