As velutinas fanse fortes coa calor e estenden os ataques

Un membro da Protección Civil de Ribeira retirando un niño de velutina. (Foto: Protección Civil Ribeira)
Apicultores alertan de niños cada vez máis grandes e poboados

A poboación de velutina non deixa de crecer na Galiza. O clima favorábel e a falta de depredadores naturais está a fomentar niños cada vez máis grandes, "populosos" e voraces. Apicultores e servizos sanitarios confirman un verán moi activo, con menos mel e máis picaduras.

"Levamos dous anos horríbeis. A velutina vai moito co clima e a meteoroloxía. Este último inverno xa non hibernou. En xaneiro e febreiro estivo presente nas alvarizas, non en cantidade, mais non se ausentaron en ningún momento, sobre todo en zonas de costa". Rafael Díaz é apicultor, técnico apícola e delegado da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra. Ten un apiario no interior da Galiza e catro no litoral, onde observa niños de vespa asiática cada vez máis grandes, de até metro e medio de altura.

Adaptación

A velutina aclimátase de tal forma ás condicións da Galiza costeira que está a superar as súas propias marcas no sueste asiático. "Se aló fan niños de 200 ou 300 individuos, aquí poden chegar aos 18.000. Se alí logran unhas 100 raíñas por niño, aquí chegan ás 900". Son números que dan conta dunha adaptación moi rápida e confortábel para as invasoras, tamén pola falta de especies predadores. "Aquí elas son as depredadoras de todo".

Rafael Díaz recoñece unha presión "moi alta" das velutinas xa desde o mes de xuño. "Ti imaxina que queres saír da porta da casa e que tes 10 ou 12 bestas famélicas esperando por ti, pois isto é o que lles ocorre ás abellas do mel. A velutina non sae da piqueira á espera de poder satisfacer a súa necesidade diaria de proteína". 

O técnico apícola aclara que as larvas de velutina pasan o día inxerindo comida. De media, un niño intermedio precisa un quilo diario de proteína, o que equivale a "catro quilos de abella", xa que as vespas asiáticas desbotan a cabeza, as ás e o abdome para quedar só coa masa muscular. "Non hai quen resista esa presión", di, que afecta ás abellas, ao medio ambiente e á produción de mel. "Eu sacaba unha media de 25 quilos por colmea e o ano pasado saquei 8", resume.

Os dous últimos foron os peores, os máis complicados. E proba disto, asegura, é o salto que a vespa asiática deu na Galiza co paso do tempo, onde ademais de construír niños nas árbores aprendeu a facelos tamén baixo terra, imitando as avespas do país. "Agora son máis perigosas, se cabe, moi sensíbeis aos ruídos e ás vibracións. Non lles fai falta nada para atacar a quen pasea polo monte, corta madeira ou labra a terra. E cando atacan fano de forma masiva".

Máis picadas de velutina

Desde o Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés confirman que este verán están a atender máis picaduras de velutinas e menos de abellas e avespas. Están máis activas e nótase no rexistro de pacientes que acoden pola súa conta ou en ambulancia para tratar as picadas.

É habitual que piquen máis nos meses cálidos, tamén porque pasamos máis horas ao aire libre, pero as cifras destes meses marcan a diferenza, con até "tres ingresos nunha soa hora, como tivemos o pasado sábado".

"O seu veleno é máis daniño. Causa lesións locais de maior tamaño e con máis frecuencia reaccións alérxicas graves. Neste caso urxe a intervención médica para evitar unha morte potencial", alertan.