Os portugueses elixen as súas 15 praias galegas favoritas. Concordas cos seus gustos?

Solpor na praia das Catedrais. (Foto: Turismo de Ribadeo)
Malia que a cidadanía do outro lado da 'raia' acostuma elixir os baños en Vigo, medios de viaxes fanlles recomendacións para animarse a coñecer o país máis polo miúdo. Queres saber se consideras os mesmos espazos os mellores da Galiza? Aquí tes as propostas.

As e os portugueses son habituais das praias do sur da Galiza, especialmente das de Vigo, como xa reivindicaron a banda galega Os Vacalouras e o coñecido artista portugués Quin Barreiros hai uns días. Pero iso non significa que non gocen doutros espazos naturais para tomar o sol e bañarse en augas ben frescas no país.

Nun contexto no que as e os galegos fan máis turismo en Portugal é lóxico pensar que os veciños do outro lado da raia poderían facer o propio pero achegándose até Galiza.

Se queren cambiar de aires teñen amplas recomendacións publicadas sobre os puntos que hai que visitar. Sen ir máis lonxe, existe unha listaxe coas 15 mellores praias deste lado do río Miño a ollos das expertas e expertos portugueses en turismo. Continúa a ler e contámosche cales son as que non se podería perder unha cidadá portuguesa?

Praia das Rodas

Neste caso confían nas publicacións de The Guardian, que en 2006 a recomendaron como a máis fermosa do mundo. Neste caso trátase dun espazo que forma parte das Illas Cíes e para atraer á poboación lusa fálase das súas augas cristalinas e da area fina na que poder estar ao sol.

Praia de Muxieiro e Praia da Areíña

Comparten arquipélago coa de Rodas pero son máis pequenas e fornecen, din as expertas, maior tranquilidade.

Praia de Baltar

Un lugar onde descansar con augas calmas e as localidades de Sanxenxo e Portonovo perto a través dunha pasarela de madeira.

Praia de Silgar

Novamente vólvese apostar en ficar en Sanxenxo, pois xa se sabe que para a xente da rexión de Porto e Norte é un dos destinos favoritos. Como praia urbana que é, fornece a posibilidade de acudir a unha terraza ou de compras sen coller o coche.

Praia da Pragueira

Dela din que é case salvaxe e moi tranquila. Aliás, este lugar do concello de Sanxenxo ofrece unhas bonitas vistas da ría de Pontevedra.

Praia de Toralla

A illa olívica do mesmo nome é privada, mais está permitido o acceso á praia, que é pública. Iso si, haberá que chegar camiñando.

Praia de San Martiño

Novamente recomendase ir ás Cíes. Porén, neste caso para acudir a illa sur é preciso contar cun barco privado e unha autorización de acceso. No caso de ter esa dispoñibilidade de transporte, poderá accederse a unha enseada de 300 metros con augas turquesa.

Praia de Foxos

Advírtese de que é unha zona próxima á Lanzada con ondas máis ben fortes. Tamén destacan as dunas para ter unha maior relaxación.

Praia de Montalvo

Nunha ruta especialmente centrada nas Rías Baixas, o que permite ir e regresar á casa no día a moito do público obxectivo, aconséllase esta localización para xornadas en familia ou grupo, pois conta con espazo para comer ao aire libre.

Tamén é aconsellábel para as e os fanáticos de deportes coma o surf e o bodyboard.

Praia de Magor

As e os portugueses son bos coñecedores das propostas de baño do concello de Sanxenxo, pero por se aínda non as percorreron todas tamén se lles propón como unha das mellores praias da Galiza a de Magor, azoutada polo vento pero con mar calmo e unha vista privilexiada das Ons.

Praia de Fontaíña

Din desta praia de Vigo que é o “um dos segredos mais bem guardados” dos veciños, que prefiren reservar este lugar con menos brisa e moita limpeza para eles.

Para as e os que poñan o GPS ao vir ao país, é unha boa opción de carácter familiar e accesíbel para persoas con certas diversidades funcionais.

Praia de Area Gorda

Un espazo natural semi-urbano escondido entre as dunas e a vexetación. Malia o seu nome, a area é “branca e fina”.

Praia das Catedrais

Neste caso, as recomendacións lusas de localidades para bañarse no norte da península saen da zona de confort que fornecen as Rías Baixas. Malia ter que reservar quenda e soportar largas colas algunhas veces, invitan a visitala.

A praia das Catedrais está para a Galiza como a fotogénica praia de Benagil está para o Algarve”, sinalan.

Praia de Pantín

Este punto da xeografía galega situado en Valdoviño é de sobras coñecido polas persoas amantes do surf e, en consecuencia, a visita non é tanto para familias como para persoas que queiran pasar o tempo de lecer sobre as ondas.

Praia de Carnota

A pequena localidade de Carnota não é um destino óbvio para quem visita a Galiza”, din expertas en viaxes de Portugal- No entanto, a súa extensión e a beleza da zona merecen a pena o paseo.

 

Concordas? Crees que a selección de recomendacións para a veciñanza lusa é a axeitada? Engadirías algunha praia máis ou quitarías algunha daquelas polas que apostan en Portugal? É preciso apostar máis nas Rías Altas?