Veciñanza de Ordes mobilízase para alegar contra a amplación dun vertedoiro

A planta de Gesuga en Areosa, no concello de Cerceda (Imaxe: Gesuga).
O Goberno local de Cerceda, en mans do PSdeG, aprobou unha modificación puntutal do plan urbanístico local que permitiría o proxecto. A veciñanza denuncia que a planta tratará reses mortas do norte do Estado español e de Portugal. "Non é sostíbel", argumentan desde Salvemos Ordes.

A asociación Salvemos a comarca de Ordes está a mobilizarse esta semana para presentar alegacións contra a ampliación da planta que a compañía Gesuga proxecta no concello de Cerceda. As dez hectáreas e media que a empresa sumaría ás súas instalacións na parroquia de Areosa permitiranlle recibir reses do norte do Estado español e de Portugal para a súa incineración.

"Este proxecto non é sostíbel para a veciñanza, vaise triplicar o transporte por estrada que chegará a Cerceda coas reses. Converterémonos no vertedoiro de reses do norte, coas consecuencias sanitarias que isto implica, pois sabemos que os camións de Gesuga recollen animais de diferentes granxas na mesma viaxe", expón a Nós Diario Jessica Rei, integrante da plataforma, quen fai fincapé nos desagradábeis "cheiros" que a veciñanza ten que "soportar" por esta actividade.

O 24 de agosto remata o prazo para presentar alegacións dirixidas ao Concello de Cerceda, responsábel de aprobar o plan de modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) do municipio cos votos en solitario do partido no Goberno, o PSdeG. Salvemos Ordes elaborou un formulario que presenta a veciñanza das parroquias da comarca en reunións nas que informa sobre as implicacións da obra. "Onte xuntáronse sesenta veciñas e veciños na parroquia de Leixa e hoxe teremos outro encontro ás oito da tarde na de Queixas", agrega Rei. 

Falta de transparencia

Rei salienta a dificultade da plataforma á hora de acceder á información deste e doutros proxectos que penden sobre a comarca, como aconteceu con parques eólicos. No caso concreto da ampliación de Gesuga, asegura que o Concello de Cerceda non publicou a documentación sobre a modificación do PXOM na súa páxina web.

"Un veciño solicitouna e obtivo só unha parte, houbo que tramitar unha segunda petición para recibir toda a información. Tampouco se atopaba de maneira física na sede da Administración local cando foi reclamada, o que consideramos un defecto de forma e unha traba á participación da veciñanza afectada", apunta Jessica Rei. Esta veciña asegura que ten que ser a propia poboación a que ten que "estar alerta" e "atenta" para solicitar a documentación  e informar a veciñanza.