A comarca de Ordes volve mobilizarse contra os macroproxectos eólicos

Simulación comparativa de tamaños. A cheminea máis alta de Meirama mide 200m, e pódese ver desde calquera punta da comarca. O aeroxerador ademáis contaría con pas en movemento dun diámetro de 136m. (Foto: Nós Diario).

O colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes: Aire, auga e terra limpas chama a  presentar alegacións para deter o proxecto inicial do Parque Eólico Solpor

A pesar de estar aínda en pleno Estado de alarma, a comarca de Ordes vese “obrigada” a mobilizarse para presentar ante a Consellaría de Medio Ambiente alegacións ao proxecto inicial do Parque Eólico Solpor, un parque que contempla aeroxeradores nos concellos de Ordes e Mesía e que, a pesar da situación social xerada polo coronavirus, está na fase de consultas, en exposición pública, na lista de proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental da Xunta, segundo denuncia o colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes: Aire, auga e terra limpas.

O parque eólico, promovido pola empresa Green Capital Power, está formado por sete muíños de vento e unha subestación eléctrica, situados nas parroquias de Olas (Mesía), Vilamaior, Buscás e Ardemil (Ordes), entre aldeas habitadas, nunha zona moi próxima ao trazado do Camiño de Santiago e “atentando contra as aldeas máis próximas, a saúde pública das persoas que viven máis próximas, o futuro medioambiental do lugar e os intereses-socioeconómicos” dunha comarca que está catalogada pola propia Xunta como Zona de Especial Interese Agrario.

Por iso, desde o colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas puxeron a disposición de toda a veciñanza afectada un documento de consideracións contrarias á autorización deste parque eólico, e instan a “todas as persoas afectadas a asinalo e presentalo canto antes no rexistro da Xunta ou a través da propia web da Consellería de Medio Ambiente, para poder impedir a chegada dos macroeólicos entre as aldeas”.