Espigas de millo erguidas en Ordes na defensa dun territorio 'agredido'

ordes territorio millo

Unha concentración denunciou este domingo o impacto dos proxectos de parques eólicos, minas, vertedoiros ou liñas de alta tensión na comarca de Ordes, que ten máis de 36.000 habitantes.

“Contra a rapiña depredadora empresarial que, coa axuda das últimas leis impulsadas pola Xunta, está a poñer cada vez en maior perigo o futuro ambiental, social, sanitario e económico do rural galego”. Este era o chamado realizado desde varios colectivos - Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes, a Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, a Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural Mesía-Frades, e a Asociación A Picota de Trazo – para a concentración deste domingo en Ordes.

Reuníronse nesta localidade, que dá nome á comarca de 36.000 habitantes, por volta de 500 veciños e veciñas de diversas partes de Galiza para denunciar un modelo de explotación que impacta prexudicialmente no ambiental, no social e tamén no económico (nomeadamente en sectores como o agro e a gandeiría). Unha concentración para expresar o malestar dunha comarca saturada pola “industria perigosa e contaminante”.

 

A espiga de millo foi o emblema enarbolado polas persoas asistentes para defender o lema 'Aire, auga e terras limpas' que presidía a mobilización. O obxectivo da concentración é, explican os convocantes, denunciar e chamar a atención sobre as fortes agresións que suporían os parques eólicos proxectados por unha compañía de capital saudí atravesando Ordes, Mesía, Frades, Trazo e Cerceda; as novas liñas de alta tensión proxectadas para desembocar na subestación eléctrica do Mesón do Vento; o novo vertedoiro de residuos industrias de Lesta, a escasos metros do macrovertedoiro de Sogama na Areosa; e a actividade mineira de extracción de seixo que Erimsa pretende ampliar en Mesía e Frades. 

 

Na mobilización estiveron presentes, entre outros, representantes de diferentes grupos municipais da comarca de Ordes pertencentes ao PP, ao PSOE e ao BNG e independentes, así como deputados no Parlamento Galego, como Antón Sánchez e Paula Quinteiro (En Marea) ou Xosé Luis Rivas Cruz 'Mini' (BNG).