Veciñanza de Lugo prevé cortar a vía do tren após o sinistro nun cruce sen barreira de seguranza

Gardas civís de tráfico fronte ao choque do tren a un coche nun paso a nivel, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
"O que non podemos permitir é que siga morrendo xente neste paso a nivel que por moito que eles digan que está ben sinalizado e hai visibilidade, nin está ben sinalizado nin hai visibilidade", lamentou a veciñanza.

Veciñanza de Coeo e Recimil, en Lugo, teñen previsto cortar a vía do tren, onde se produciu o sinistro a pasada semana no cal faleceron dous mozos, a partir desta cuarta feira á espera de confirmación por parte da Subdelegación de Goberno español en Lugo.

Segundo confirmaron fontes da asociación veciñal, o corte realizarase das 14 a 15 horas durante "todos os días" até que lles dean unha solución mediante a "sinalización correcta" dese paso a nivel. "Que non teñamos que estar a nos xogar a vida para cruzar todos os días", apuntaron.

Por tanto, están á espera desa ratificación que, unha vez se produza, "realizaranse os cortes". Ademais, ese sería un primeiro horario, pero despois "barallarán outros" co obxectivo de "molestar o máximo posíbel a Renfe" para que "se poña en contacto con Adif e dea unha solución".

"O que non podemos permitir é que siga morrendo xente neste paso a nivel que por moito que eles digan que está ben sinalizado e hai visibilidade, nin está ben sinalizado nin hai visibilidade", lamentaron.

A continuación, lembraron que é un paso que "está en obras", "cando menos" debería ter un sinal de obras "que non ten" e "está en estado lamentábel" para cruzar.

Os veciños o que queren "é unha solución, unha alternativa". Ante isto incidiron en que "non é tan complicado" pór un semáforo de obra mentres que non se suprime o paso a nivel e é "o que van tentar que faga Adif".

Con todo, remarcaron que van tentar "que se depuren responsabilidades" dos cargos de Adif por ter o paso "nas condicións que estaba e a morte dos dous mozos". A súa intención é que este suceso "non quede no esquecemento" e "non se resolva" cunha indemnización ás familias pola morte dos mozos.

Reunión coa subdelegación

Na xornada da segunda feira, os veciños reuníronse coa subdelegada do Goberno estatal en Lugo, Isabel Rodríguez, que "non lles dixo nada novo", pero volveron "un pouco máis indignados".

Ante isto, explicaron que a subdelegación si que tivo comunicación con Adif e as respostas que lle deu "a maior parte mentiras" e outras que "a estas alturas non se poden dar". Con todo, puntualizaron que o trato coa subdelegada "moi ben".

"Que digan que está ben sinalizado e que viñeron ás tres da madrugada tapar buracos que eran feitos polo accidente, cando é totalmente mentira ou que vai ser dos primeiros pasos a nivel que se van a suprimir na vía férrea", sinalaron.

Nesta liña, explicaron que "xa empezaron" as obras noutros pasos a nivel e neste "nin sequera" se lles comunicou aos veciños as expropiacións das parcelas. "Isto aínda vai para moito tempo", lamentaron.