Incidentes coa Policía en Ferrol no medio das reclamacións á ministra de Transportes por un servizo de tren digno

A Policía impide á veciñanza falar coa ministra de Transportes. (Foto: Nós Diario)
A ministra de Transportes negouse a atender a veciñanza que pedía un servizo de tren digno durante a súa visita a Ferrol.

“Queremos tren” e “Ferrolterra quere tren”, berraron esta sexta feira varias ducias de veciñas e veciños de Ferrol diante da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, que acudiu á cidade para un acto sobre o bono de alugueiro para persoas novas.

Acompañada do alcalde ferrolá, Ángel Mato, e do novo secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia, Valentín González Formoso, Sánchez tamén visitou vivendas rehabilitadas con fondos estatais.

Non obstante, negouse a atender a veciñanza que, xunta o voceiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na urbe, Iván Ribas, reclamaba medidas concretas para impulsar o transporte ferroviario e a decadencia que sofre, segundo explican, ao tempo que a Policía impedía con agresividade que puideran falar coa ministra.

A comezos de semana, a voceira nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, declaraba após facer a ruta entre Ferrol e A Coruña que “case podemos dicir que son heroes e heroínas as persoas que deciden coller o tren”.

O comentario está motivado polo baixo número de frecuencias, que denuncia, imposibilita usar o tren como medio habitual, así como por mor de que a duración do percurso duplica e en ocasións, triplica, os 30 minutos que dura o traxecto por estrada.

A explicación desta situación é doada, apuntou Pontón, que citou a “falta de investimentos e o progresivo desmantelamento”.

O Ministerio lávase as mans

Poucos días despois, o Ministerio que dirixe Sánchez respondeu o deputado da formación en Madrid, Néstor Rego, que no eido do transporte por ferrocarril “non ten previsto ningunha actuación pois considera que o servizo prestado é suficiente e que permite a conciliación”, algo que, como salientaron as persoas que protestaron en Ferrol, non é certo.