Veciñanza de Compostela demanda "máis civismo" no Camiño de Santiago

Grupo de peregrinas e peregrinos onte na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
Un grupo de entidades veciñais difunden un 'Decálogo de boas prácticas' para que apliquen os grupos de peregrinas e peregrinos e critican a falta de control das Administracións. Desde o Concello de Santiago valoran a iniciativa e avalían a súa incorporación ao 'Pacto por un turismo sostíbel'.

O aumento exponencial de peregrinas e peregrinos que se concentran estas semanas en Santiago reabriu o debate sobre a difícil convivencia coa veciñanza dunha parte das romeiras e romeiros que entran na cidade. No que vai de ano recolleron na capital da Galiza a Compostela o certificado de ter realizado 100 quilómetros a pé ou de cabalo e un mínimo de 200 quilómetros en bicicleta máis de 208.000 persoas.

A cifra é importante se se advirte que en 2019, un ano récord para o Camiño, entregáranse perto de 348.000. A pandemia provocou o descenso do dato até as 54.414 en 2020 e comezou a recuperarse en 2021 con 178.913 credenciais entregadas. 

Decálogo de boas prácticas

Varios colectivos veciñais de Santiago situados na entrada á cidade polo Camiño Francés levan tempo denunciando a multiplicación de persoas peregrinas que transitan polos barrios sen ter en conta a vida diaria da súa poboación.

Por este motivo realizaron un "Decálogo de boas prácticas" que distribuíron por este último treito do camiño. Nel piden “respectar os nosos espazos e as nosas formas de vida” e que a euforia pola chegada “non interfira nos nosos ritmos de vida”. Indican que “os berros e os cánticos a voces alteran o noso descanso e son desagradábeis”.

Alertan do uso adecuado dos caxatos que na cidade deberían empregar as gomas que trae” para non danar o patrimonio. Tamén lembran que a bicicleta “é un vehículo” polo que debe “respectar as normas e sinais de circulación” e non acceder pola rúa en dirección contraria. 

A súa maior preocupación son os grupos numerosos que deberían “cruzar polo semáforo e por quendas”. Por último demandan “dar exemplo ás crianzas que tamén fan o camiño” e deixar “a menor pegada” nel recollendo o lixo e “non amontoar pedriñas, nin tampouco colgar cousas das árbores ou facer pícnic na Praza do Obradoiro”.

A súa maior preocupación son os grupos numerosos

Desde a AAVV A Xuntanza, una das entidades que realizou o decálogo, consideran esta acción como “un primeiro paso”. A súa presidenta, Mon Vilar, interpela “as administracións que son as que teñen as capacidades e as competencias de facer desta demanda algo operativo”. Deixa claro a Nós Diario que “non cuestionamos o turismo senón o modelo explosivo e invasivo actual”.

A iniciativa aproveita o debate que se está a dar nas redes sociais, en temas como "a percepción de risco cando saes dun comercio e cruzan bicicletas a toda velocidade en sentido contrario" e "a permisividade que hai por parte do Concello co turismo en xeral e o de peregrinaxe en particular".

A Peregrinación Europea

Estes días está previsto que aumenten os grandes grupos de peregrinaxe coa chegada das 12.000 persoas que participarán na relixiosa Peregrinación Europea de Mozas e Mozos, cunha gran parte durmindo nos pavillóns municipais cedidos polo propio Concello. O responsábel de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, admite que non conta con información destes grupos “que poden acceder pola vía pública como peóns” polo que é difícil controlalos ao non ter obriga de notificar a súa presenza.

En todo caso, asegura a Nós Diario, “é un dos temas que entrarán no Pacto por un Turismo Sostíbel” e considera "razoábel" o decálogo "que podería concretarse, en parte, como ordenanza".