Miguel Taín Guzmán, novo director da Cátedra do Camiño e as Peregrinacións

A responsabilidade principal do profesor de Historia da Arte da facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela será promover e organiza iniciativas que contribúan a faciliten a reflexión e o debate cultural e académico respecto da ruta xacobea
Miguel-Tain-01
photo_camera Taín, na biblioteca de facultade de Historia. Foto: USC

O profesor de Historia da Arte Miguel Taín Guzmán é o novo director da Cátedra do Camiño e as Peregrinacións, que está centrada na difusión dos valores asociados coa peregrinación e inherentes ao Camiño de Santiago.

O profesor Taín Guzmán centra a súa investigación arredor de diversas liñas, sempre relacionadas co Camiño, a catedral, a cidade e a peregrinación. Nos últimos anos ten desenvolvido diversas estadías en centros de investigación internacionais como o Kunsthistorisches Institut de Florencia do Max-Planck-Institut; Villa I Tatti-University of Harvard; a Brandenburg Research Academy and International Network (BRAIN)-Marie Curie Fellowship no departamento de Historia da Arquitectura da Brandenburgische Technische Universität de Cottbus de Alemaña ou no Pilgrimage Studies Institute do College William and Mary en EEUU.

Entre outras responsabilidades de xestión asociadas á Facultade de Xeografía e Historia, é fundador e co-director do curso de verán internacional da USC ‘Lección Xacobea Internacional da USC’ dende 2007, membro do CEHA dende os anos 90, da SEDHC desde a súa fundación en 1996, da Construction History Society de Londres desde 2012 e representante de España no International Committee of the History of Art (CIHA) entre 2007 e 2013.

Cátedra creada en 2016

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC foi creada en 2016 e réxese polo novo convenio de colaboración asinado entre a USC, a Axencia de Turismo da Galiza e a Fundación Catedral de Santiago o pasado mes de agosto. Entre os seus cometidos esta Cátedra realiza tamén cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas, e promove e organiza iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico respecto da ruta xacobea. Ademais da difusión e o coñecemento das investigacións realizadas, a Cátedra traballa na creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño e disciplinas relacionadas, así como en facilitar a inserción profesional do estudantado universitario a través de prácticas académicas externas extracurriculares.

Comentarios