Adeus aos eólicos na Serra do Galiñeiro: "Daba igual os cartos que puxesen, a nosa riqueza natural é innegociábel"

Andaina contra o proxecto eólico (Foto: Plataforma)
A veciñanza celebra o carpetazo a este proxecto. O PP impedira en 2013 que o espazo fose declarado parque natural.

Contundente vitoria dos colectivos sociais e veciñais que durante a última década se mobilizaron sen descanso en oposición ao parque eólico proxectado na Serra do Galiñeiro, situada nos termos municipais de Gondomar, Mos, O Porriño, Tui e Vigo. A Xunta da Galiza vén de anunciar que a empresa promotora, Terra do Vento SL, renuncia definitivamente a levar a cabo o proxecto que lle fora concedido en 2010 nun procedemento no que se adxudicaron até 2.325 megawatts (MW) de potencia enerxética a explotar distribuídos en dez zonas.

Este parque, pensado para 13 aeroxeradores e unha potencia total de 39 MW, contaba con informes negativos do Goberno galego tras anos de denuncias da veciñanza, dos colectivos ecoloxistas e dos propios concellos afectados. Aliás, a sociedade creada ex professo para desenvolver este proxecto, xa cesara a súa actividade en 2018, segundo consta no Rexistro Mercantil. Tratábase dunha filial da multinacional madrileña Element Power España SL.

Porén, nun primeiro intre a Xunta apoiou o parque eólico. En abril de 2013, o grupo popular impediu co seu voto que o Parlamento declarase parque natural a Serra do Galiñeiro incluíndoa no complexo protexido do Monte Aloia (Tui), a fin de paralizar un proxecto que contaba daquela con máis dun milleiro de alegacións. Este mesmo ano, máis de 60 colectivos da área metropolitana de Vigo volveron reclamar esta medida e a paralización cautelar do proxecto eólico, unha cuestión que, desta vez, materialízase de forma definitiva.

"Loitamos contra un inimigo invisíbel"

Alberto Covelo, presidente da Comunidade de Montes de Vincios (Gondomar) e membro da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, explica a Nós Diario como foi a loita veciñal contra o proxecto: "Desde o primeiro intre, todas as e os comuneiros decidimos opornos ao parque eólico independentemente da cuestión económica. Daba igual os cartos que puxesen sobre a mesa, porque a riqueza natural que temos é innegociábel".

Dado que a lexislación o permite, Terra do Vento SL eludiu negociar coas persoas propietarias dos montes e solicitou en 2012 a declaración de utilidade pública do territorio, que, de a autorizar a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, permitiría expropiar os terreos. "A empresa nunca sentou connosco, sabemos o nome da sociedade mais non quen a conforman, a nosa loita foi contra un inimigo invisíbel. Non precisaban negociar porque tiñan a expropiación a man, e só terían que pagar polo espazo no que se situarían os muíños, non polas 400 hectáreas que se verían afectadas", sostén Covelo.

Neste tempo, as e os comuneiros moveron ficha emprendendo diferentes accións, como a inclusión no Ministerio para a Transición Ecolóxica dun piñeiral para a captación de CO2 tras a vaga de lumes de 2017: "Quixemos replantar con especies frondosas para protexer o espazo, xa que as eólicas aproveitan os incendios para presionar as e os propietarios para vender os terreos", afirma.

"Agardamos que non veñan outras empresas a tentar desfacer a Serra do Galiñeiro. Deben saber que tras os montes hai unha masa social que non quere outro proxecto diferente ao que nós estamos a desenvolver", conclúe.