Veciñanza de Beariz rexeita a mina de litio: "Xa paramos Alberta I; agora só lle mudaron o nome"
O pasado 25 de marzo a Comisión Europea incluíu entre 47 proxectos considerados estratéxicos o de extracción de litio en Doade (Beariz, comarca do Carballiño). A veciñanza xa gañou en 2020 unha batalla contra o proxecto mineiro Alberta I, pois un informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre a posíbel contaminación de acuíferos fixo que a Xunta da Galiza rexeitase o proxecto. Cinco anos despois, porén, volven mobilizarse contra un proxecto impulsado por Recursos Minerales de Galicia –empresa propiedade de SA Minera Catalano Aragonesa, coñecida como Grupo Samca– que se localizaría “enriba das cinco traídas de auga" que abastecen a zona, advirten. Para este sábado convocaron unha concentración na Carballeira de Doade.

Jaime Amaro Blanco é graduado en Bioloxía e veciño de Doade malia que actualmente traballa en Vigo. Explica a Nós Diario que tanto a asociación veciñal como as comunidades de montes se pronunciaron en contra do proxecto mineiro "porque sabemos que non trae nada bo para nós”. Detrás do proxecto 'Mina de Doade', do Grupo Samca, asegura que “o que hai son intereses económicos e moito descoñecemento pola falta de información á veciñanza”. Amaro considera o proxecto de explotación mineira “unha nova volta aproveitando a estratexia de minerais críticos da UE”.

Pablo Amaro Blanco, tamén graduado en Bioloxía e irmán de Jaime, salienta que “hai unha parte do informe da empresa que fala de plans e de estudos de acción social na zona, con cuestións como reactivar a feira", que cualifica de "carta aos Reis Magos de cousas que ademais son atribucións do Concello". Os Amaro din que a Xunta, á que a veciñanza demandou información do proxecto perante a Dirección Xeral de Minas, “leva meses sen contestarnos”. E lamentan que “parece que temos un Goberno que fai máis de avogado das empresas que do territorio”.

Ofir Janeiro é presidenta da Asociación de veciños de Doade e da Comunidade de Montes de Besticovo. Emigrante en México e licenciada en Nutrición, hai cinco anos voltou “á terra” e agora vive coa súa nai de 90 anos en Doade. "A situación é moi desconcertante, a Xunta néganos información. Pero xa paramos Alberta I e isto é o mesmo, só que lle mudaron o nome”, sostén. Denuncia que a mina se emprazaría no espazo que ocupan “as cinco fontes que nos dan de beber”. Neste lugar, “por moito que a empresa diga que ten solucionado o tema da auga”, as verteduras “irán ao río Avia, que desemboca no Miño”, con danos “para os viñedos, as explotacións gandeiras e as plantacións nos montes, e tamén afectará o río Lérez”.

Víctor Gil reside na parroquia de Framia, onde é presidente da comunidade de montes. Ten claro que entre a veciñanza da zona impera “un non abafante” ao xacemento de litio. Argumenta motivos coma o ruído, o po, a afectación á auga e ás traídas veciñais ou ao gando e mais á madeira do monte. "O proxecto que a empresa está a publicitar fala de 13 hectáreas, pero a concesión abrangue até 500 hectáreas e o permiso de investigación, 11 quilómetros”, apunta.
O impacto alén de Doade
Sobre o terreo, na zona, quedarían afectados pola actividade deste proxecto “desde Forcarei até Covelo”; uns 22 quilómetros de territorio. A actividade mineira para extraer o mineral "levaría aparelladas explosións, galerías soterradas durante quilómetros e o tráfico de camións para sacar da mina 500.000 toneladas ao ano", sinala.

Mercedes Brañas é deseñadora de interiores. Naceu e criouse en Madrid, pero hai uns anos mercou unha casa en Doade que se sitúa á par dos terreos que delimitarán a mina. Brañas móstrase “preocupada” e estende esa preocupación aos veciños concellos de Avión, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Fornelos de Montes. “Van contaminar todos os acuíferos. Ninguén quere unha mina enriba da súa cabeza”, di.

Maykel Carreiro é de Taboadelo (A Lama, comarca de Pontevedra). Naceu en Suíza onde emigrara súa familia, retornados á Galiza vive a cinco quilómetros de Doade e explica que “toda a contorna está afectada, porque compartimos a auga”. Nesta zona da serra do Suído nacen os ríos Verdugo e Lérez, así como os afluentes Doade e Avia. “O río Verdugo sae cara a Vigo e o Lérez, cara a Pontevedra”, co conseguinte impacto tamén sobre as rías, subliña.
A veciñanza consultada desconfía do proxecto de explotación "de só 13 hectáreas que a empresa está vendendo” e asegura que o proxecto “está fraccionado en tres” e que “seguramente amplíen a prospección; onde atopen vetas, van seguir [profundando]”, di Carreiro.
A "falta de información" é unha das cuestións que máis destacan. “Non sabemos o que queren facer”, advirte Carreiro, quen, alegando a posíbel afectación do xacemento sobre a auga, cuestiona: "Como vai ser viábel o proxecto?”. Tamén alerta a veciñanza da zona dos problemas derivados do tráfico de camións pesados para trasladar o mineral.
A poboación, afirma Carreiro, está “maioritariamente en contra", pois hai "un malestar moi grande, tamén entre os votantes do PP”. "É moi triste que Galiza se converta no 'Distrito 13' dos Xogos da Fame”, lamenta, citando a popular película de ciencia ficción.
"Porta a porta": "Malestar" na vila polo intento de "amedrentar"
Hai unhas semanas, algunhas casas de Doade amenceron con pintadas de 'Mina Non' nas súas fachadas. A veciñanza afectada, e contraria á mina, asegura non ser a responsábel. "Ao día seguinte de colgar os cartaces [contra a mina] nos balcóns apareceron as nosas casas pintadas", di unha veciña. Ofir Janeiro considera que quen as fixeron “quixeron amedrentar a xente, viñeron pintar as casas e o chan e mandaron xente ás casas das persoas maiores a preguntar pola mina”, sostén.
E precisamente preguntadas sobre o contacto da empresa coa veciñanza na zona, as persoas consultadas por este xornal afirman que “o único que fixeron foi contratar unha empresa de enquisas, que veu uns días porta a porta, polas casas, preguntando que nos parecía o proxecto e os empregos que vai traer á zona”, di unha veciña de Doade que prefire non dar o seu nome. “Crearon bastante malestar, xa que hai moi pouca xente a favor”, acrecenta.
Janeiro, presidenta da Asociación Veciñal de Doade, coincide en que hai un certo “desgusto e malestar” entre as veciñas e os veciños “porque nin a Xunta da Galiza nin a empresa nos dan información” malia teren "dereito a que nos fagan chegar copia do expediente", como xa o pediron, mais de momento, "sen resposta", lamenta esta veciña.


