Veciñanza afectada pola central do Xistral presenta 160 alegacións contra o proxecto

Teresa Ribera é titular do Miteco, que puxo a exposición o proxecto. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
A Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral colaborou coa veciñanza na presentación de 160 alegacións que foron acompañadas de 4.430 sinaturas ante o Miteco.

A Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral colaborou coa veciñanza na presentación de 160 alegacións contra o anteproxecto da central. As alegacións foron acompañadas de 4.430 sinaturas  presentadas no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. 

A plataforma levou a cabo un período de consultas que rematou o 9 de marzo, no que escoitou as posicións de particulares e colectivos (das que xa ten informado Nós Diario) con respecto á obra, e que resultou na formulación das alegacións e na recollida das sinaturas.

O proxecto tamén foi rexeitado por Augas da Galiza.

Desde a plataforma sinalan ter constancia de máis alegacións presentadas fóra do ámbito da plataforma, tanto a título persoal como por diversos colectivos e asociacións, pero descoñecen o número exacto. 

Por outra parte, o colectivo veciñal lembrou nun comunicado que o representante da empresa promotora do proxecto, Desarollos Del Malache SLU, Pedro Machín, "manifestou que non seguirían adiante co anteproxecto se había oposición veciñal", e entenden que "queda demostrado que non queremos nin este nin outro anteproxecto que veña interromper as vidas e o traballo da veciñanza, e así agardamos que lle chegue á empresa promotora".

Recalcan, así mesmo,  con respecto ao anteproxecto, que "o positivo que puidera traer, non compensa o negativo, e desde a Plataforma tivémolo moi claro desde un primeiro momento". Un total institucións sociais manifestaron o seu apoio ás alegacións, feito que agradeceu a plataforma contra a central hidroeléctrica.

Manifestación en contra do anteproxecto

Para este domingo, día 13 de marzo, a plataforma ten convocada unha manifestación de repulsa contra o anteproxecto presentado, "para que quede claro que non o queremos no noso val", sinalan.

A manifestación decorrerá entre os lugares onde irían instaladas as balsas superior en Vilacampa e a inferior en Recaré, no Concello do Valadouro, co fin de "dar a coñecer a magnitude do anteproxecto á veciñanza". Ao remate da mesma, na igrexa de Recaré, procederase á lectura dun manifesto.