Haberá protestas o 13 de marzo no Valadouro contra a central hidroeléctrica de bombeo

Atalaya Generation estuda presentar un novo proxecto para a central do Xistral

Confírmanse as dúbidas sobre a legalidade da central hidroeléctrica de bombeo prevista pola empresa aragonesa Atalaya Generation no Valadouro. Aos informes de diferentes Administracións galegas que denuncian os seus incumprimentos da normativa, súmase agora a opinión de diferentes xuristas.

 

Gado Ceibo
photo_camera Gado Ceibo

A legalidade da central hidroeléctrica de bombeo do Xistral é cuestionada desde diversos ámbitos. De feito, Augas da Galiza, organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente, emitiu un informe vinculante desfavorábel ao proxecto. Porén, segundo puido saber Nós Diario, por medio de fontes dos concellos afectados, a empresa promotora da hidroeléctrica, a aragonesa Atalaya Generation, estuda presentar outro proxecto para poder ver a luz verde da Xunta da Galiza.

De feito, malia a decisión de Augas da Galiza, veciñanza do Valadouro segue mantendo a mobilización social contra este proxecto, de modo que a Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral ten convocada para o domingo 13 de marzo unha manifestación en contra do proxecto, presentado tamén, como é preceptivo, perante o Ministerio de para a Transición Ecolóxica, pola empresa Atalaya Generación.

Segundo indican os organizadores, “a marcha reivindicativa percorrerá unha distancia de nove quilómetros de dificultade media-baixa entre Vilacampa e Recaré, lugares onde irían instaladas as balsas superior e inferior”.

O informe de Augas da Galiza, chave

O xurista e socio director de Pérez-Lema Avogados, Xoán Antón Pérez Lema, afirma a Nós Diario que “a primeira consideración xurídica a termos en conta, e con certeza a máis relevante, é a protección ambiental do espazo de localización do proxecto. Neste sentido, cómpre sinalar que este proxecto ocuparía espazos incluídos dentro da Rede Natura 2000 e das designadas Zonas de Especial Conservación (ZEC), en concreto, da Zona de Especial Conservación do Xistral”.

“A ZEC do Xistral foi declarada pola Xunta da Galiza no Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria da Galiza e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 da Galiza”, continúa Pérez Lema, que lembra que nesta “norma estabelécense os usos e actividades autorizadas nas ZEC, entre as que se recollen no relativo ás enerxías renovábeis a instalación, reforma ou modernización de pequenas instalacións non industriais de produción de enerxía renovábel destinadas ao autoconsumo tanto de particulares como para o servizo das explotacións”.

Pérez-Lema destaca que “o proxecto industrial proposto, polas súas características, non entra dentro dos usos autorizados para espazos declarados ZEC como a Serra do Xistral”. Asemade advirte que “tal e como manifestou Augas da Galiza, o proxecto proposto sería, aínda, incompatíbel cos obxectivos de planificación hidrolóxica co Plan hidrolóxico 2021-2027, ao cortar o curso os regatos Recaré, Vilacampa e Balsadas, que se verían gravemente afectados”.

O informe desfavorábel de Augas da Galiza á central hidroeléctrica de bombeo do Valadouro é moi relevante para Pérez-Lema. O documento apunta que “o encoro non está pensado para as necesidades da comunidade senón para o transporte de enerxía, cando a viabilidade futura desta pasa por achegar a produción aos consumidores". 

"Precisamente o transporte é sempre ineficiente e un dos aspectos que máis encarece a factura da luz. Augas da Galiza con este informe está dicindo que as necesidades de produción eléctrica non poden pórse por riba das necesidades de consumo de auga dos particulares e das empresas”, agrega Pérez Lema.

Augas da Galiza

Augas da Galiza, cuxo informe ten carácter vinculante, considera que a central “afecta e interrompe as canles fluviais” e conclúe que “ese aproveitamento hidroeléctrico reversíbel no Xistral é inviábel, porque é incompatíbel cos obxectivos da planificación hidrolóxica da Galiza-Costa”. Nesta liña, denuncia que “as instalacións recollidas no proxecto presentado para o río Ouro, con balsas ocupando os leitos de varios regos existentes na zona, supoñen novos elementos que comprometen a continuidade fluvial destes cursos de auga”.

Xa antes de facerse público o informe desfavorábel de Augas da Galiza, o profesor da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Emilio Díaz sinalaba, en declaracións a Nós Diario, que “o artigo 68 do Decreto 37/2014 marca que os únicos usos e actividades autorizábeis de carácter enerxético nas áreas de protección son a instalación, reforma ou modernización de pequenas instalacións non industriais de produción de enerxía renovábel (fotovoltaica, solar térmica, biogás autónoma...) destinada ao autoconsumo tanto de particulares como para o servizo das explotacións”.

Díaz entendía que “a posta en marcha dunha central hidroeléctrica de bombeo para a produción industrial choca coa normativa de aplicación”. “É evidente que unha actuación deste tipo choca cos usos autorizábeis”, continúa Díaz, que en relación con toda a rede de canalización subterránea prevista na instalación -que nalgúns casos está formada por túneles de 10 metros de diámetro- sinala que “se escavas acabas coas turbeiras de cobertor, que son uns solos moi finos. Unha actuación deste tipo nestes hábitats é irreversíbel, isto non é céspede, son sistemas moi fráxiles e complexos”, remataba Díaz. 

Comentarios