Unha veciña de Compostela orixinaria do Perú sufre unha agresión "xenófoba"

Imaxe de arquivo dunha mostra sobre as persoas refuxiadas similar á que sufriu ataques na Alameda. (Foto: Concello da Coruña)
O alcalde da cidade falou dun "incidente bastante grave" no que tres homes atacaron a esta muller na noite de San Xoán. Na cuarta feira, o Foro Galego de Inmigración xa denunciara outro episodio de "violencia racial".

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou nesta quinta feira que unha muller peruana foi vítima dunha agresión xenófoba na noite de San Xoán. Os posíbeis culpábeis foron un pai e os seus dous fillos.

Malia que o incidente vai seguir o procedemento xudicial, o rexedor reprobou este suceso "bastante grave" de tres homes contra unha veciña da cidade de orixe peruana.

Sánchez Bugallo non entrou a detallar todo o acontecido pero si explicou que foi no barrio de Conxo e que os presuntos culpábeis dixeron "frases cara esa persoa". Malia que deixou en mans da Xustiza determinar a responsabilidade que ten esa agresión, o que si ten claro é que "hai indicios dunha actuación xenófoba".

Varios sucesos na mesma liña

Esta nova transcende tan só un día despois de que o Foro Galego de Inmigración denunciara "violencia radial" de axentes da Policía Nacional contra un menor duns 15 anos.

Interrogado sobre o suceso de Porta Faxeira, o alcalde dixo que os partes policiais sinalan que un vehículo do corpo de seguridade pasaba pola zona cando "alguén lle tirou algo, supostamente un bote".

Por iso, os axentes pararon a identificar ao autor e "produciuse algún tipo de protesta" do mozo, que foi levado a comisaría, e que "xa fora detido unha semana antes por outro incidente". Segundo o Foro, en todo momento o rapaz foi vítima de agresións.

O líder do Goberno municipal, que afirmou non contar con máis datos da situación do menor, tamén dixo sentirse "preocupado" e indignado" polos ataques vandálicos que padeceu unha mostra sobre as persoas refuxiadas que hai na Alameda. Por iso pediu que se respecte a calquera persoa.