O Foro de Inmigración denuncia a suposta "violencia racial" na detención dun menor en Compostela

A organización denuncia un episodio de violencia racial. (Foto: Foro Galego de Inmigración) #violenciaracial #policía #compostela #racismo #forogalegodeinmigración
Aluden a testemuñas que viron como o rapaz, duns 15 anos, foi agredido por varios axentes no entorno da Porta Faxeira.

O Foro Galego de Inmigración acusou nesta cuarta feira a Policía Nacional de incorrer nun episodio de "violencia racial". Segundo fontes do colectivo, este suceso decorreu na detención dun menor en Compostela.

A través dun comunicado, a organización fala duns feitos que tiveron lugar na tarde desta terza feira en Porta Faxeira. Afirma que houbo unha "grave agresión policial" de varios axentes da Policía contra un rapaz "duns 15 anos racializado".

O colectivo apoiase en testemuñas presenciais que contaron o acontecido. "Os policías agarraban con forza ao mozo no chan coa cara contra o asfalto, co pescozo apertado e tirándolle do suadoiro", conta que indicou unha persoa que viu o ataque.

De feito, alude aos datos que apareceron nas redes sociais nos que se falou da chegada de varios coches de policía e axentes que levaron ao mozo, "que gritaba desesperadamente", ao turismo para "continuar coa agresión".

Así mesmo, asegura que as amigas e amigos do agredido, de entre 15 e 16 anos, pedían que deixaran de pegarlle chorando.

O Foro considera que isto representa "outro gravísimo caso de violencia racial institucional levada a cabo polas forzas policiais do Estado, co apoio e a dirección do Goberno" español.

En consecuencia, exixe que se tomen de forma "inmediata" medidas como pode ser a intervención da Fiscalía ou a investigación do suceso.