Varanda Viva pide un plan de desconfinamento "singular" para a Galiza

O colectivo rexeita a centralización en Madrid das decisións e critica tanto a división por provincias proposta polo Goberno do Estado como a por áreas sanitarias da Xunta.

O colectivo Varanda Viva, nacido ao abeiro do confinamento pola pandemia da COVID-19, emitiu nesta quinta feira, 30 de abril, un comunicado para valorar o plan de transición á nova normalidade presentado nesta semana polo Goberno español.

"Rexeitamos a centralización en Madrid de todas as decisións relativas á contención da pandemia, das medidas socioeconómicas para a minimización dos efectos da crise, ou do proceso de desconfinamento", sinalan, e consideran que "o Goberno español non está a aplicar criterios de coordinación operativa, senón de centralización política", algo que cualifican de "irresponsabilidade inaceptábel".

Cren que "a imposición da provincia como base territorial para o desconfinamento resulta, no caso galego, un auténtico despropósito". "Temos no noso país unha forma diferente, singular, de habitar o territorio (a metade dos núcleos de poboación existentes no Estado localízanse na Galiza)", apuntan.

Tamén "unha distinta intensidade na afección da COVID-19, con grandes diferenzas no padecemento da pandemia en función de áreas urbanas ou rurais" e "un xeito específico de mobilidade interna que en absoluto ten como referencia as provincias". Por exemplo, citan "actividades produtivas propias, unha fronteira con Portugal, e un longo etcétera de particularidades que nós coñecemos, mais que históricamente pasaron desapercibidas para o Estado".

Tampouco aproban a alternativa da Xunta de de tomar como referencia as áreas sanitarias, que consideran "absurda e errada". Exemplifícano cos casos de Ourense e de Lugo, onde as áreas sanitarias coinciden exactamente coas provincias. "No resto, as diferenzas tan profundas entre diferentes hábitats e espazos xeográficos e nos fluxos de mobilidade, fan que esta opción sexa outro desatino imprudente", engaden.

Plan galego consensuado

Así, Varanda Viva demanda da Xunta a elaboración dun plan galego de desconfinamento consensuado no Parlamento galego, contrastado pola comunidade científica e sanitaria do país. "Porque aplicar desde Madrid medidas uniformes para realidades tan diferentes é inxusto, e ademais é un erro", e "porque as provincias son, no caso galego, divisións artificiais e arcaicas, que non responden a ningunha realidade obxectiva".

Tamén, conclúen, "porque en Galiza temos capacidade, dialogando e acordando, de aplicar as mellores receitas en función da nosa singularidade, que coñecemos nós mellor que ninguén".