Varanda Viva: unha rede galega de apoio fronte á pandemia e o mal goberno

Detalle do vídeo de presentación de Varanda Viva.
Nace a rede de apoios Varanda Viva, unha iniciativa promovida por traballadoras e traballores que se enfrontan a diario contra a pandemia da COVID-19 co fin de garantir os coidados da poboación. 

“A falta de prazas e rúas, hoxe temos varandas e xanelas”. Con estas palabras comeza o manifesto de presentación de Varanda Viva, unha rede galega de solidariedade, voluntariado e reivindicación que busca facerlle fronte á crise derivada da propagación do novo coronavirus.

“Somos unha resposta galega e autoorganizada, un instrumento popular de exixencia ás institucións de medidas eficaces de contención da pandemia fronte ao impacto económico, social e laboral”, asegura o colectivo na súa web.

A iniciativa está promovida por persoas traballadoras de actividades e servizos básicos relacionados co ámbito da sanidade, o mar, a alimentación ou o transporte; mais fai un chamamento ao pobo galego para que se una ao seu proxecto e forme parte activa del, “desde as súas casas, xanelas e varandas”.

Voluntariado asistencial

Desde esta nova plataforma reivindican propostas adaptadas á realidade do país ademais de medidas asistenciais capaces de darlle cobertura ás necesidades da cidadanía galega. Neste sentido, Varanda Viva conta desde o seu nacemento cunha rede asistencial “encargada de xestionar as solicitudes de recursos e medios, individuais e colectivos que nos chegan de distintos puntos do territorio”.

A través da súa web, quen se anime a colaborar, pode facelo indicando tan só se se ofrece a axudar ás demais ou se precisa algún tipo de asistencia en particular para artellar a mellor forma de facelo.

“Esta pandemia non vai poder connosco”

Varanda Viva concentra no seu manifesto “a forza dun país e da súa xente” para “esconxurar as incertenzas e recuparar o rimo das nosas vidas”. Así, declara a súa confianza na sanidade pública, nas profesionais que a fan posíbel malia anos de recortes e desmantelamento.

"Fronte aos Gobernos de Madrid e da Xunta, que sementan dúbidas e fan gala de improvisación e incompetencia, confiamos en nós".

Máis tamén naquelas persoas que fan posible o confinamento da maioría, as chamadas a traballar para manter cubertas as necesidades básicas de todas. “Sen todas esas persoas ningunha decisión gobernamental, ningún Real Decreto, podería garantir a nosa seguranza, a nosa manutención e os coidados que precisamos”.

“Máis que nunca, confiamos en nós mesmas, en nós mesmos. Fronte á pandemia que nos axexa aí fóra. Fronte aos Gobernos de Madrid e da Xunta, que sementan dúbidas e fan gala de improvisación e incompetencia, confiamos en nós. E a falta de prazas e de rúas, hoxe temos varandas e xanelas”, conclúen no seu manifestamento de presentación.