Iria Carreira: "Cómpre organizármonos ante a crise actual e a que vén"

A médica e portavoz da plataforma, Iria Carreira (Imaxe: Nós Diario)
Na primeira liña da loita contra o coronavirus está Iria Carreira Pazos, médica residente en Santiago de Compostela. Esta arzuá de 28 anos é a portavoz de Varanda Viva e, aproveitando un descanso laboral, atende Nós Diario para dar a coñecer máis polo miúdo esta nova plataforma.  
 

Como xorde a idea de articular Varanda Viva?

Desde que iniciou a emerxencia sanitaria moitas persoas que traballamos en sectores esenciais, como o da saúde, a alimentación ou na asistencia social, vimos que hai moita xente que quere ofrecer a súa axuda mais non sabe como facelo ao estar confinada. 

Nestes momentos toda colaboración individual é moi útil, mais tamén cómpre que sexa organizada e que se poida converter en colectiva para que así sexa máis efectiva, e que ninguén que precise unha man quede atrás. 

A plataforma social Varanda Viva nace precisamente para pór en contacto persoas que teñen necesidades con xente que pode ofrecer a súa colaboración de maneira altruísta e xenerosa e así, canalizarmos o voluntariado. 

Alén desta vertente, a plataforma tamén ten un fin reivindicativo e de denuncia, conducindo tamén todas as demandas que nos poidan chegar.

Varanda viva quere que as demandas da xente non sexan silenciadas

É posíbel artellar a protesta se estamos confinadas?

Si, por suposto. É posíbel e necesario xuntar forzas para criticar aquilo que os Gobernos español e galego están a facer mal na xestión da crise, recoller calquera demanda e vehiculizala a onde corresponda para que sexa atendida. 

O feito de non podérmonos manifestar e de que non poida haber actividade reivindicativa na rúa non debe anular a protesta. Non hai prazas, mais temos xanelas, cazolas, redes e instrumentos como Varanda Viva para que as demandas da xente se escoiten. Esta plataforma quere sortear o silenciamento imposto polas autoridades. 

Cales son as principais deficiencias que están a ver?

Esta crise está a amosar de maneira dramática as consecuencias das políticas da Xunta da Galiza que durante anos recortou o orzamento da sanidade pública e apostou por un modelo privado de centros hospitalarios e de residencias de maiores.

Nestas últimas, estase a vivir unha situación caótica por mor da expansión do coronavirus e a ausencia de prevención e de medios. Por colocar algúns exemplos que pola miña profesión me tocan máis de perto, vemos como na sanidade estamos a traballar con medios escasos e insuficientes para facer fronte á emerxencia. 

Como médica, que leccións tira desta crise?

En situacións como estas afloran as miserias no sistema público de saúde. Por situar un caso persoal e de todas as médicas, enfermeiras e biólogas que estamos en formación, as chamadas residentes: vemos como se nos emprega como man de obra barata para que o Servizo Galego de Saúde dispoña de nós como mellor considere oportuno, deixando totalmente de lado as nosas necesidades formativas. Unha crise como esta, que ten unha grande afectación social, pon de manifesto a importancia das profesionais da rama sanitaria e asistencial e fai tan fundamental o factor humano como o técnico.

Para pelexar pola sanidade e para dar solucións a día de hoxe a quen o precisa quero animar a sociedade galega a anotarse en Varanda Viva como voluntariado e a subscribir o manifesto de apoio na web.