València antes e despois da DINA: a ESA publica imaxes por satélite das inundacións para axudar cos labores de rescate
A Axencia Espacial Europea (ESA) activou o Servizo de Cartografía Rápida de Emerxencia de Copernicus para proporcionar imaxes por satélite das inundacións en València polo paso da DINA, co obxectivo de apoiar os labores de rescate e recuperación.
A ESA lamentou que o Estado español sofre "a peor inundación en décadas" tras as choivas torrenciais caídas en València. "O número de mortos aumenta e segue habendo desaparecidos", sinala.
As imaxes do satélite estadounidense Landsat-8 ilustran vividamente a magnitude do desastre, con imaxes do 8 de outubro e do 30 de outubro que mostran a dramática transformación da paisaxe.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o 29 de outubro de 2024 choveu en Valencia o equivalente a un ano en só oito horas. Este diluvio causou inundacións repentinas devastadoras, convertendo as rúas en ríos, destruíndo casas e arrastrando vehículos.
As vítimas mortais polo paso da DINA en España superan xa o cento de persoas. Trátase dun dos desastres naturais máis graves dos últimos 75 anos no Estado español, por diante mesmo da riada de Biescas (Aragón) en 1996 con 87 falecidos e a riada do Turia en 1957, na que perderon a vida entre 80 e 100 persoas.