Social

A Valeduría do Pobo admite a trámite unha queixa pola falla de medios contra a COVID-19 no Hospital de Oza

Hospital Marítimo de Oza (Xunta).
Un profesional sanitario do Hospital Marítimo de Oza denuncia que se incumpriron os protocolos de illamento cos primeiros casos sospeitosos de coronavirus e se facilitou o contaxio entre pacientes e o persoal do centro.

A denuncia dun membro da equipa do Hospital Marítimo de Oza, que deu positivo en COVID-19, sobre a falla de medios de protección para tratar aos pacientes sospeitosos e o incumprimento dos protocolos ditados polo departamento de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) sobre o illamento deses pacientes xa está en trámites na Valeduría do Pobo. 

Este traballador sinala a Nós Diario que "Oza é un foco de infección" e que desde a Valeduría do Pobo se lle informou de que solicitarán os protocolos para analizar as actuacións que pon de manifesto na súa queixa formal, unha información que tamén puxo en coñcemento do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña e que agarda que chegue á Comisión de seguridade e hixiene do CHUAC a través da delegada de prevención do seu hospital.

"O protocolo estaba moi ben se se cumprise e tivésemos os medios", afirma este sanitario do hospital de Oza, que depende da área sanitaria da Coruña e Cee, en declaracións a Nós Diario. "Se un paciente se pon mal, hai que entrar si ou si", explica, en referencia a que o teñen que facer con ou sen equipos de protección individual (EPI) como son as máscaras, luvas, batas, gafas e pantallas. 

O profesional sanitario relata uns feitos que sucederon "no estado de pre alarma" pola COVID-19 na Galiza, a principios do mes de marzo, cando afirma que se mantivo a pacientes sospeitosos de coronavirus compartindo habitación e sen recoller unha mostra para realizar a proba nunha semana, tempo no que moito do persoal que estivo en contacto con eles non era coñecedor desa circunstancia. 

Desta maneira, relata que cando chegou o primeiro resultado positivo en COVID-19 as profesionais que estaban no hospital non tiñan máscaras de protección FFP2 e tiveron que buscalas nun despacho inicialmente pechado con chave após solicitarllas aos seus superiores. "Aquí algo fallou", certifica. 

Así mesmo, conta a Nós Diario que por esta mala praxe houbo "unhas 25 persoas" entre celadoras, enfermeiras, médicas, auxiliares e persoal de limpeza que se puxeron en corentena. Ademais, apunta a que houbo polo menos "catro positivos" da COVID-19 e que "as que non tiveron síntomas" foron obrigadas a ir traballar antes dos 14 días de illamento recomendados "sen que se lles fixera unha proba PCR" para confirmar que non eran portadoras do coronavirus.