Coronavirus na Galiza:246 falecementos en hospitais e residencias

Probas médicas a unha paciente de coronavirus (Imaxe: Hospital Arnau)

Un total de 610 persoas xa foron dadas de alta.

O coronavirus continúa a aumentar a súa listaxe de vítimas mortais na Galiza, con case 200 falecementos nos hospitais galegas e máis de 40 nas residencias de maiores. Cifra superior ás 224 mortes acumuladas até este domingo (190 nos hospitais e 34 nas residencias).

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta segunda feira, o número de casos de coronavirus en Galiza ascende a 5.342, deles 1.071 son da área da Coruña, 563 da de Lugo, 992 da de Ourense, 457 da de Pontevedra, 1.081 da área de Vigo, 871 da de Santiago, e 307 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 168 permanecen en UCI (1 menos que o domingo), 939 están en unidades de hospitalización e 4.235 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 610 altas de pacientes e 199 falecementos nos hospitais..

O número de PCR realizadas é de 30.002.

No que respecta ás residencias, hai 889 casos positivos, dos que 657 son de persoas usuarias e 232 de traballadores e traballadoras.

A nivel de Estado español a cifra de persoas contaxiadas é de 135.000 e os falecementos superan os 13.000. Foron dadas de alta máis de 40.000 pacientes. Desde o Goberno español, se ben con precaución, falan de que se percebe certa dimunición do ritmo de contaxio e ingresos na UCI naqueles territorios que eran os máis afectados pola pandemia.