Deteñen un empresario en Compostela polo roubo de 2 millóns de máscaras

O material foi subtraído dunha nave no Polígono do Tambre, pertencente a unha empresa de material sanitario en concurso de acredores. (Arxina)

O material estaba valorado en 5 millóns de euros.

Deteñen un empresario en Santiago de Compostela pola substración de 2 millóns de máscaras e outro material sanitario, todo no seu conxunto por un valor de 5 millóns de euros.

As máscaras terían sido subtraídas dunha nave do polígono do Tambre, no término municipal compostelán. A nave pertencería a unha empresa de material sanitario que está en concurso de acredores. A investigación aponta a que as máscaras foron vendidas a unha sociedade afincada en Portugal.

A operación comezou despois de recibir o aviso de que na nave podería haber un "gran número de máscaras do modelo FFP2, luvas cirúrxicas, pantalóns, uniformes sanitarios, kits de primeiros auxilios e alcol" segundo informa a Vicepresidencia da Xunta nun comunicado.

Os autores do roubo "eran plenamente conscientes de que se trataba dun material moi necesario na loita contra a enfermidade e que xa estaba escaseando no mercado"

A nave é dunha empresa, que se dedica á venda de equipos médicos e que está actualmente en situación concursal. Así, ante este aviso, os axentes solicitaron a autorización do administrador concursal e accederon ao interior da nave, onde comprobaron que a mercadoría fora roubada.

En concreto, as máscaras foron roubadas case na súa totalidade, xa que apenas ficaban nas instalacións un milleiro de unidades. Todo o material roubado, para o que se calcula un valor aproximado duns cinco millóns de euros, foi extraído das súas caixas e plásticos de protección co "obxectivo de ocultar a súa procedencia", sinalaron as mesmas fontes.

Vicepresidencia detalla que "todo parece indicar que o roubo se produciu cando a pandemia de coronavirus xa estaba presente en varios países e era considerada un problema de saúde pública".

Por este motivo, os autores do roubo "eran plenamente conscientes de que se trataba dun material moi necesario na loita contra a enfermidade e que xa estaba escaseando no mercado", sinalaron as mesmas fontes. De feito, fixéronse cos materiais "que actualmente teñen máis demanda e deixaron outros que non están en demanda, como botas ou botiquíns", engadiron.

A comprobación das imaxes das cámaras de seguridade e declaracións de testemuñas permitiu dirixir as investigacións policiais cara a este empresario. Este empresario foi detido e posto a disposición xudicial.

O empresario detido ficou en liberdade investigado por roubo con forza. Así o informaron esta segunda feira fontes xudiciais despois de que o empresario arrestado pasase a disposición do Xulgado de Instrución 1 de Santiago, en funcións de garda.

El Correo Gallego afirma que o empresario é Javier Conde