Que vai ser do actual curso escolar? As Anpas exixen respostas e actuacións consensuadas

As Anpas galegas demandan un protocolo de regreso á normalidade nas aulas, cun currículo especial para o próximo curso.

A Confederación de Anpas Galega insta á Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional a resolver de forma clara e urxente as dúbidas das familias galegas, que neste momento, son as encargadas directas da docencia nas casas.

O decorrer do curso académico, sen aulas presenciais e co alumnado confinado nas súas casas tratando de seguir as indicacións do seu profesorado por vía telemática, enche as familias de dúbidas sobre a voluntariedade das tarefas, a avaliación das materias, a finalización do curso e a ausencia de apoio específico para o alumnado con necesidades educativas especiais.

Neste sentido, a Confederación de Anpas Galegas acaba de dirixir á conselleira de Educación, Carmen Pomar, un documento no ademais de desenvolver as principais preocupacións das nais e dos pais do alumnado galego, tamén insta á Administración a ditar instrucións precisas para o profesorado, co fin de garantir un seguimento igual para todas as crianzas, unha atención individualizada se as súas circunstancias o requiren, e coherente co momento actual.

Traballo en liña

As Anpas galegas poñen o acento sobre a carga de traballo irregular que o profesorado envía a través de diferentes plataformas en liña e na iniciativa dalgúns docentes por avanzar contidos que aínda non deran en clase, algo que “non está permitido”. 

Ademais, pídenlle á conselleira que remarque o carácter voluntario das tarefas e que redacte unha instrución “clara” que impida tanto a realización de exames telemáticos, como a advertencia de que “os contidos que se están traballando” serán avaliados de volta nas aulas.

"O alumnado galego non vai ter a posibilidade de incorporarse as clases ata que o terceiro trimestre estea xa moi avanzado".

Doutra banda, a Confederación exíxelle á Consellería propostas específicas para o alumnado con necesidades educativas especiais, xa que a excepción “dalgunhas boas prácticas” os traballos que se están enviando ás casas non atenden á diversidade nin prevén “o necesario seguimento e a atención educativa individualizada que en tempos de confinamento continúa a ser un dereito esencial, presente tamén na escola virtual”.

A Confederación de Anpas Galegas bota en falta maior presenza do persoal de orientación e outros especialistas como o profesorado de educación física e artística, imprescindíbeis para o coidado das emocións.

Segunda avaliación

As familias galegas tamén se amosan preocupadas pola avaliación do segundo trimestre escolar. Non saben se haberá notas ou non, e con que criterios se porán en caso afirmativo.

Desde a Confederación rexeitan “totalmente a conveniencia de poñer unhas notas que non son
significativas, non están baseadas no traballo previo dun xeito uniforme, non representan a
consideración da totalidade do esforzo realizado e ademais van provocar o desconcerto entre o alumnado e as súas familias, ao non poder ser explicadas, contrastadas e debatidas”.

"Este curso debe ser avaliado de acordo coa realidade que se está a vivir".

Así, insisten na necesidade de prohibir calquera proba en liña promovida por parte do profesorado con este obxectivo , polo menos mentres “non exista na Galiza unha xeneralización dos
medios de conexión útil a internet, rápida e axeitada para o traballo en liña, facilitando gratuitamente este acceso alí onde as familias e as circunstancias non o están permitindo”

Fin de curso

As Anpas galegas traballan sobre a posibilidade de que o alumnado galego “non vai ter a
posibilidade de incorporarse as clases ata que o terceiro trimestre estea xa moi avanzado ou practicamente rematado”. Así, ademais de rexeitar a ampliación temporal do curso escolar tamén desbotan a posibilidade dunha terceira avaliación “que non estea baseada en currículos moi recortados con respecto aos que están publicados”.

“Este curso debe ser avaliado de acordo coa realidade que se está a vivir, o contrario implicaría un enorme sobre esforzo para o alumnado, nomeadamente para o alumnado de necesidades específicas de apoio educativo, e para todos aqueles que están, xaora, sufrindo as consecuencias sociais, económicas ou familiares desta pandemia”, detalla a Confederación no documento que lle remitiu á Consellaría de Educación.

Así, reclaman a elaboración dun “protocolo de regreso á normalidade” que garanta unha especial atención á situación emocional e socioafectiva do alumnado “por riba do desenvolvemento dos contido curriculares”. E que calquera proceso de incorporación aos centros de ensino que se deseñe, sexa progresivo e adaptado “á realidade específica do país”.

Curso 2020-2021

Neste sentido, a Confederación de Anpas galegas pídelle á conselleira Pomar que “comece a  traballar na elaboración dun currículo especial para o curso próximo, adaptando a realidade do ensino aos contidos mínimos que permitan recuperar o tempo perdido sen que isto supoña un esforzo especial e inasumíbel para o alumnado”.

"A elaboración dun protocolo de regreso á normalidade que garanta unha especial atención á situación emocional e socioafectiva do alumnado".

Un exercicio, di que requirirá instrucións precisas para todo o profesorado galego, ademais dun programa especial de atención á diversidade “que dote dunha atención exclusiva a todas as alumnas e alumnos que se viron lamentablemente abandonados neste período de confinamento”.

Doutra banda, as Anpas sinalan o caso particular do alumnado de segundo de Bacharelato, pendente do tratamento que se lles dea ás probas de acceso á universidade. “Temos que falar de
algo máis que de prazos e de exames. Hai que garantir a igualdade de acceso á universidade, moi limitada polo diferente acompañamento que se está a facer entre centros públicos e privados”, advirten.