Aulas caseiras: estudo, xogos e coidados en tempos de confinamento

A música, o xogo, a lectura e o estudo entreteñen as horas do alumnado galego.
Coa chegada da corentena as familias non tiveron máis remedio que reinventar o seu tempo e acomodar novas rutinas. Así se vive agora o traballo, o estudo, os xogos e os coidados.

Na casa de María Roca, a declaración do estado de alarma e a obriga de gardar corentena polo coronavirus cambioulles a vida. A súa parella pode traballar desde a casa e faino desde o primeiro día. Ela viuse sometida a un ERTE e agora asume boa parte do tempo coas crianzas, especialmente pola mañá. Teñen un neno de tres anos, que celebrou o seu aniversario o primeiro día de confinamento, e unha nena de seis.

“Desde que anunciaron os primeiros 15 días de encerro todo facía indicar que ían ser algúns máis así que tiñamos moi claro que era necesario marcar unhas rutinas para ter sempre algo que facer. Para que non nos dea moito tempo a pensar e e sobre todo porque saber que vai pasar despois é algo que funciona moi ben coas peques”.

Un baile para comezar o día

Érguense e almorzan xuntas, en pixama. “Despois vestímonos. Eu vou facendo as camas coas crianzas mentres a miña parella se encarga de lavar a louza, e cando temos iso listo, empezamos a mañá cunha canción e un baile, para animarnos”.

“Estamos pendentes de que habiliten a aula virtual, mais nestes días xa colgaron algunha actividade para ir facendo"

Ao mesmo tempo que o pai comeza a traballar, os irmán inicia o tempo de estudo. O máis pequenonon ten o hábito de ningunha escola infantil, afeito a compartir as mañás con súa nai, pero súmase aos xogos e a algunha das tarefas que a escola estabeleceu para súa irmá a través da web do centro.

“Estamos pendentes de que habiliten a aula virtual, mais nestes días xa colgaron algunha actividade para ir facendo tanto de inglés, como de música ou de educación física, e aquí,o peque non ten ningún problema para participar”, explica María Roca a Nós Diario.

Música e xogo

A música e os xogos son dúas constantes ao longo da xornada. “A música axúdanos a descansar o ánimo e o xogo, ademais de distraernos, tamén serve para aprender”. Mentres o fillo menor pinta ou fai un crebacabezas, a maior dedícalle un anaco á lectura “ou aproveita para escribir o que máis lle gustou do día anterior, aproveitamos a chegada da primavera facer uns versos. Intentamos variar cada día”.

E todo isto mentres atenten as cousas da casa. Hai que ocuparse da roupa e facer a comida. “Uns días participan máis e outros menos, pero colaboran moito máis ca antes”. Tamén xogan ao seu antollo. E despois do xantar, compartido, teñen uns minutos para ver a tele.

Educación ao aire libre

A tarde xa é dos catro, aproveitan para facer exercicio xuntos, “que nos ven moi ben a todos”. “Non temos terraza nin zona verde, mais si un recuncho de balcón na que, se non nos movemos moito, cabemos os catro. Así que saímos merendar, mentres miramos ao lonxe, xogamos ao vexo vexo ou contamos coches”.

“A música axúdanos a descansar o ánimo e o xogo, ademias de distraernos, tamén serve para aprender”.

Con dúas crianzas afeitas a pasar moitas horas na rúa, ao aire libre, en contacto con outras nenas, a falta de contacto social é a carencia máis grande. “As tarefas do cole lévaas ben, gústanlle as propostas e está motivada. O que bota en falta son as amizades, que tratamos de suplir con algunha chamada, e o contacto coa natureza. Unha eiva que estende ao propio ensino. “Cremos moito na educación ao aire libre, cremos que debe estar máis conectada coa natureza e co mundo real, e non o está. Redúcese, como nós agora, a un peche entre catro paredes”, critica.

Na recta final do día non faltan os xogos de mesa e o baño. “Até que a auga arrefría. Desfrutan e gastan enerxía”. As rutinas de última hora non mudan. Cea e un conto para ir para cama.

Estudo e máis estudo

As rutinas son máis monótonas cando na casa viven estudantes de ESO e de Bacharelato. “Intentan traballar polas mañás, para seguir o horario escolar, mais dependendo do material que lles envían desde o instituto, ás veces tamén teñen que dedicarlle tempo polas tardes”, comenta Marisa García, nai de Alba e Hugo.

“Cremos moito na educación ao aire libre, cremos que debe estar máis conectada coa natureza e co mundo real".

Alba cursa terceiro de ESO. “De momento atrasáronnos todos os exames e estamos pendentes de facelos á volta, cousa que nos angustia moito. Ademais, mándanos tarefas de absolutamente todas as materias a través de diferentes plataformas. Non damos abasto e xa non sabemos cando hai cousas novas pendentes de facer ou de enviar”.

As sensacións agrávanse no caso de seu irmán, alumno de segundo de Bacharelato e, polo tanto, pendente da selectividade. “Para nós é unha situación delicada. Estamos vendo como se nos está acortando o curso e non sabemos ben, aínda, que vai decidir o profesorado nin os seus superiores. De momento, de cada materia imos recibindo encargas para tratar de avanzar como podemos, ás veces un pouco perdidos”.

Un ensino incompatíbel coa crianza

E así pasan os días, pendentes do desenlace e das dificultades para organizarse e cumprir un horario.

“As familias estanse queixando do tipo de deberes e da cantidade que lles mandan aos seus fillos e fillas”, reflexiona María Roca, educadora social e pedagoga, agora suspendida temporalmente como monitora de tempo libre. “Eu creo que é un reflexo do estado da educación actual, que ten moito que mellorar. O sistema é insostíbel, con horarios incompatíbeis coa crianza, baseado no consumo”.

O coidado, observa, non ocupa o lugar que debería ter. “E o máis triste é ver como moitas crianzas, a pesar de non poder saír das súas casas, están contentas polo simple feito de verse acompañadas polos seus proxenitores. Oxalá nos sirva para reflexionar e se produzan cambios”.