As Anpas galegas denuncian desigualdades no acceso ás aulas virtuais

O alumnado galego trata de continuar na casa o desenvolvemento das materias escolares.
A Confederación de Anpas Galegas critica a actuación da Consellaría de Educación durante o período de confinamento e suspensión das actividades lectivas. Segundo denuncia, o alumnado galego non conta coas mesmas oportunidades para continuar coas súas tarefas ben por falta de apoio ben por falta de recursos materiais. 

O presidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, considera que ter un sistema educativo público "absolutamente descontrolado e sen homoxeneidade dentro do territorio galego", leva a que nunha situación de emerxencia sanitaria como a actual se produza unha "nova onda de desigualdade" no acceso ás aulas virtuais.

"Hai nenas e nenos aos que lles cadrou ter un profesorado actualizado e unha infraestrutura informática adecuada nas súas casas. Eses aínda reciben algo de axuda durante o confinamento, pero as que non teñen esa infraestrutura ou as que teñen docentes que non son capaces de prestarlles ese apoio porque non saben, non poden ou simplemente non queren, están totalmente abandonadas", explica Lacaci a través dun comunicado.

Abandonadas ou saturadas

A orixe desta situación, apunta, está en que a educación pública galega está "absolutamente falta de modernidade". Hay un profesorado que, si ben ten "votade de traballar, non ten medios ao seu alcance"; e ademais, engade, hai unha Consellaría "que nos gasta a broma de publicar a pasada segunda feira unha guía rápida para o uso da aula virtual dun centro educativo".

"Esta situación demostra as consecuencias de ter unha ensinanza nin inclusiva nin de calidade".

En consecuencia, advirte Fernando Lacaci, hai un "alumnado saturado de tarefas e outro que non ten nada que facer" ou alumnado "que é capaz de facer o que se lle indica e outro que non ten na quen lle poida axudar a solucionar as súas tarefas".

Falta de instrucións concretas

Ao seu entender a situación actual, malia a ser imprevisíbel, demostra "as consecuencias de ter unha ensinanza nin inclusiva nin de calidade". Co engadido “dunha Consellaría de vacacións", afea Lacaci, quen observa unha "falta de instrucións concretas" mentres o profesorado "está facendo o que pode".

"Cando isto pase -mantén- teremos moito que dicir sobre esta Consellaría e o seu modelo excluínte e trasnoitado", avisa el presidente de ANPAS Galegas.