219 persoas morreron na Galiza este verán por causas atribuíbeis á calor

Terrazas baleiras en Ourense por mor da calor extrema, nunha foto de verán (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Só no mes de xullo perderon a vida por estas circunstancias 137 persoas, unha media de máis de catro ao día. Entre xaneiro e a primeira semana de setembro, os falecementos como consecuencia das temperautas foron 774.

O verán climatolóxico de 2022 na Galiza foi "extremadamente" cálido no que atinxe ás temperaturas, cos valores medios máis altos da serie histórica. A este balance, publicado polo Goberno galego este sábada semana pasadao, contribuíu especialmente o mes de xullo, marcado por varios episodios de calor extrema.

A media das temperaturas no conxunto do período situouse en 20,7 graos, é dicir, 1,6 graos por riba do habitual. A estación climatolóxica acabou rexistrando no seu conxunto as temperaturas medias e máximas máis elevadas de toda a serie histórica. Unha situación con múltiples consecuencias, desde secas e falla de auga, até o incremento da mortaldade.

O Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MoMo) do Instituto Carlos III recolle día a día as persoas falecidas no Estado . Unha estatística na que contempla aqueles falecementos atribuíbeis á temperatura.

Mulleres

O estudo recolle como na Galiza 337 persoas perderon a vida nos meses de xuño, xullo e agosto como consecuencia desa suba de temperaturas. A maioría delas, mulleres, 196, o que representa 58%.

Xullo, mes no que se rexistraron varias vagas de calor, foi o mes con máis falecementos, 137, unha medida de catro cada día. En agosto perderon a vida 78 persoas por esas causas e en xullo, 14.

No que vai de ano, entre xaneiro e setembro, as mortes que se atribúen á temperatura son 774, número moi superior ás 304 rexistradas en todo 2021 e ás 134 en 2020.

A relación entre a calor extrema e a mortaldade

Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático, Saúde e Medio Ambiente Urbano do Instituto de Saúde Carlos III, explica que "a mortalidade que se atribúe á calor moi poucas veces é directamente por un golpe de calor".

O que realmente fai a calor, afirma, "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas". A consecuencia máis extrema dese agravamento é a morte.

"A primeira vaga de calor leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando". A maioría das falecidas na Galiza estes días eran persoas de máis de 84 anos, con patoloxías previas.