A vaga de incendios mantén confinadas máis de 300 persoas en Monterrei, Oímbra e Cualedro
Os grandes dependentes trasladados desde Chandrexa seguen nun centro de Ourense cidade, e os residentes da Mezquita xa puideron regresar.
A vaga de incendios que afecta o sueste galego desde hai días e que forzou a activar a 'Situación 2' no ámbito provincial de Ourense como medida preventiva deixou outra noite dura, con evacuacións e o confinamento de varios núcleos.
O 112 informaba na pasada noite que foran evacuadas unhas sete persoas en Flariz (Monterrei, comarca de Verín) e desde Zamora informouse que centos de persoas tiveran que abandonar as súas casas debido a un incendio que saltou da Galiza a Castela e León na tarde da quinta feira.
Tamén houbo confinamentos. De feito, o servizo de emerxencias galego actualizou a información esta mañá da sexta feira cun parte no que constata que se mantén o confinamento nos núcleos da Madalena (Monterrei), As Casas dos Montes (Oímbra, comarca de Verín) e Rebordondo (Cualedro, comarca de Verín).
En concreto, desde esta quinta feira mantéñense baixo confinamento os núcleos poboacionais da Madanela (Monterrei), con 122 persoas, As Casas dos Montes (Oímbra), con 142 persoas, e Rebordondo (Cualedro), con 60 persoas, sendo confinado este último durante as últimas horas da quinta feira.
A veciñanza de Estevesiños e Vences, que esta quinta feira tiveron que resgardarse nas súas casas, xa non se atopan baixo confinamento.
En canto ás persoas maiores maiores desaloxadas de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives) continúan á espera de poder volver ao seu centro --foron evacuados 25 grandes dependentes, que seguen noutro de Ourense cidade, segundo ratificaron fontes de Política Social a Europa Press-.
Mentres, o 112 e Política Social concretaron que 44 persoas da residencia da Mezquita (comarca de Viana), que foran trasladadas a Arnoia (O Ribeiro), xa puideron regresar ao seu centro.
