"As vacinas son seguras e funcionan"

As vacinas son máis eficaces fronte a variante europea pero tamén protexen fronte a británica e, en menor medida, a surafricana. (Foto: Cecilia Fabiano).
O temor a que a capacidade de mutación do novo coronavirus favoreza a aparición de variantes resistentes ás vacinas avivou unha sensación de desesperanza que a comunidade experta insiste en rexeitar. Non hai evidencias para afirmar que as vacinas non funcionen. Ademais, a ciencia está preparada para modificalas en pouco tempo.

A aparición de novas variantes do coronavirus coincidindo co inicio da campaña de vacinación fronte a Covid-19 estendeu un temor contra a eficacia das vacinas que a comunidade científica considera prematuro e inxustificado. "Non podemos perder a esperanza nas vacinas", apunta a catedrática de Inmunoloxía e investigadora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (CINBIO) África González. "Por suposto que non.  A vacinación vai ser o que nos permita superar o virus. O que debemos facer é intensificar a campaña o máximo posíbel para poñerlle freo canto antes". 

As vacinas responden

Unha idea que tamén comparte o profesor da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) José Martínez-Costas. "A aparición de novas variantes é normal nun virus RNA tan diseminado como este coronavirus. Os datos que manexamos sobre a resposta das vacinas, malia seren poucos, indican que funcionan. As vacinas xeran baterías de anticorpos e células T que responden contra moitos sitios diferentes das proteínas dos virus", incide, polo que agora mesmo non ten sentido pensar nunha variante resistente á vacina até o punto de facela inútil.

Receo a AstraZeneca

O receo cara as vacinas agudizouse tras a decisión das autoridades surafricanas de paralizar a administración do preparado de AstraZeneca ao entender que non responde contra a súa propia variante. "As expectativas por parte da poboación son tan altas que calquera anuncio, por cativo que sexa, explota nos medios. Pero realmente os datos que manexan nese país son moi preliminares, e cómpre esperar antes de sacar unha conclusión definitiva", advirte Martínez-Costas.

Formulacións adaptadas

Con todo, a comunidade científica non perde de vista a posibilidade de que o virus siga mutando para evitar a resposta inmune provocada polas vacinas actuais. "Chegado o caso, modificalas sería moi sinxelo en todos os casos. Adaptar unha vacina de RNA como a de Pfizer/BioNTch ou Moderna para que respondan a unha nova variante pode levar un par de semanas", precisa o investigador da USC, quen defende a necesidade de permanecer vixilante ante unha posíbel mutación resistente á vacina.

"O normal é que sendo un coronavirus non evolucione cara unha variante inmune ás vacinas coñecidas, porque os coronavirus, en principio, non adoitan xerar serotipos, como ocorre noutros casos. Por exemplo, o virus da lingua azul, que afecta ao gando, ten 29 serotipos diferentes que requiren 29 vacinas diferentes porque ningunha protexe contra ningún dos outros. É un virus que sempre muta escapando da resposta inmune coñecida". 

Pola contra, as evidencias que manexa a comunidade experta indica que no caso do coronavirus a variante británica e a surafricana "tenden a converxer, a parecerse moito, porque parece que é a única saída que ve o virus para refinar a afinidade que ten co receptor da cepa", explica Martínez-Costas.

Inmunidade e reinfeccións

Segundo detalla África González, as vacinas de Pfizer e Moderna demostraron ser eficaces fronte a cepa británica "e algo menos fronte a surafricana". A de AstraZeneca estase estudando para coñecer a súa reposta fronte a estas dúas variantes. "Mesmo as novas vacinas pendentes de aprobación, a baseada en proteínas, de Novavax, ou en adenovirus, de Janssen, demostraron recoñecer as novas variantes, sobre todo a británica".

De momento, da que menos información se manexa é da variante brasileira. Os contaxios volveron sorprender a poboación de Manaus, capital da Amazonía, afectada pola pandemia de forma masiva xa durante a primeira vaga. "A posibilidade dunha reinfección está sempre aí. A inmunidade adquirida despois de pasar a doenza non é a mesma que se consegue despois da vacina, sobre todo se a infección é leve. Neses casos, a protección que se observa non é moi forte", di José Martínez-Costas. 

Problema global

O que hai que facer, insiste, é evitar que o virus se propague. "Canto máis se estenda máis oportunidades lle dás para mutar". Polo tanto, sen desatender as medidas de prevención pide acelerar a vacinación. "Hai que intentar inmunizar o maior número de persoas no menor tempo posíbel para bloquear o virus canto antes, e isto exixe actuar en todo o mundo, non só nas zonas ricas". 

Non ten sentido desconfiar das vacinas. "Funcionan e son seguras. Se as axencias regulatorias as aprobaron é porque despois de exames exhaustivos, existe seguridade" máis aló dos riscos ou efectos secundarios asociados.

A vacina da USC, ás portas dun ensaio

O proxecto da vacina contra a Covid-19 que dirixe o profesor Martínez-Costas desde a USC iniciará no mes de marzo, en Alemaña, un ensaio en ratos previo a outros que están por chegar. "Aínda queda moito, pero estamos ante unha vacina subunitaria, sen xenoma, moi segura, estábel e barata de producir" afirma.