Xefe de Alergoloxía do CHUO cuestiona as vacinas contra a Covid: “É un experimento xenético”

Unha imaxe do vídeo

Gonzalez de la Cuesta difunde un vídeo no que recomenda visitar unha web, que ten sido albo de criticas e denuncias por ‘negacionismo’. O Sergas non tomará medidas e enmarca as declaracións na "liberdade de expresión".

Carlos González de la Cuesta é médico e o xefe de Alergoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO). Un profesional sanitario que, nestes momentos de pandemia, grava un vídeo no que pon en dúbida as vacinas contra o coronavirus. “Non sabemos a súa seguridade real”, di no vídeo, frase que contrasta cos informes e estudos que avalan a seguridade destes medicamentos. “É un experimento xenético”, engade.

O sanitario afirma que “hai moitas incógnitas” en torno a estas vacinas, polo que defende o “dereito a decidir se queremos vacinarnos ou non”, dereito que existe xa que a vacinación contra a Covid-19 non é obrigatoria. “Hai interrogantes riba da mesa que non teñen resposta científica”, manifesta o xefe da sección do CHUO.

Recomenda visitar a web de ‘Médicos pola Verdade’, unha asociación que cuestiona a efectividade da vacina contra o coronavirus.

O Sergas afirma que non partilla as declaracións do médico mais non adoptará ningunha medida contra o seu xefe de servizo no CHUO posto que “se producen ao abeiro da súa liberdade de expresión e non responden ao seu exercicio profesional ou vínculo con esta institución”.

Unha postura, a de Sanidade, ben distinta a que tomou contra unha xefa de servizo dun hospital, neste caso o Ávaro Cunqueiro de Vigo, á que cesou após as súas críticas á falla de material para o persoal sanitario.