A vacinación global, chave para saír da pandemia

A desigualdade na distribución mun de vacinas condiciona a protección global fronte a Covid (Foto: Matthew Martin Brink / Xinhua News / Contactophoto).
A protección fronte á Covid non se pode entender nin xestionar exclusivamente desde o local. Malia o avance de territorios como o galego na vacinación fronte ao coronavirus, saír da pandemia exixe accións globais que nos levan a preguntar pola necesidade da terceira dose, pola inoculación das persoas menores de 12 anos e polo papel da inmunidade colectiva, nun momento no que a mellora da situación epidemiolóxica permite un alivio xeral das restricións na Galiza.

Máis de 80% da poboación da Galiza conta xa coa pauta completa da vacina contra a Covid. A porcentaxe aumenta nos grupos de idade máis avanzada. Foron os primeiros en se sumar á campaña, en decembro de 2020. Así, a cobertura fronte ao coronavirus entre as persoas maiores de 40 anos supera 96%, mentres segue a incrementarse entre a poboación moza. Algo máis da metade da rapazada de entre 12 e 19 anos xa ten as dúas doses e 90%, polo menos unha.

A autocita, primeiro, e a vacinación libre, nas últimas xornada, contribuíron a despexar o camiño cara 90% da poboación total vacinada coa que Galiza conta afrontar o outono, unha cota que mellora por moito aquel 70% que se fixara a finais do ano pasado como obxectivo para alcanzar a inmunidade colectiva. "Foi un cálculo que se fixo a partir da experiencia doutras enfermidades, mais a día de hoxe aínda non se sabe cal vai ser a porcentaxe necesaria para acadar esa inmunidade de rabaño fronte a Covid", afirma o inmunólogo José Gomez Rial. Con todo, chama a non se "obsesionar" con esa meta e a "seguir vacinando" até acadar unha "cobertura ampla como a que temos co sarampelo", superior ao 95%.

En declaracións a Nós Diario, o especialista en Inmunoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago amósase optimista. "As vacinas están funcionando, por moitos cambios e variantes do virus que esteamos  a ver", unhas mudanzas "naturais" que entran dentro do esperado.

Eficaces contra a doenza

As vacinas están reducindo a niveis moi baixos os risco de mortalidade dos individuos vacinados, incide Gómez Rial, e isto significa que son eficaces. A finalidade de todos os fármacos aprobados contra a Covid, di, "non é evitar a infección, senón a enfermidade grave". 

Na práctica, a poboación vacinada segue exposta ao virus e seguirase contaxiando, mais de forma leve, reforzando tamén a súa inmunidade. Neste suposto, aclara o experto, "a nosa inmunidade natural continúa actuando e axuda a potenciar a inmunidade que nos dan as vacinas". E esta combinación vai ser a que reste gravidade á convivencia futura co virus da Covid, anticipa.

Así, sen variantes de escape capaces de evadir a inmunidade dos fármacos, a vacinación está a conseguir o seu obxectivo: "controlar a pandemia para saír da pandemia".

As vacinas actuais son as indicadas para esta misión, asegura, mais cómpre unha vixilancia epidemiolóxica constante co fin de detectar mutacións do virus que poidan escapar da súa cobertura para xerar outras novas. 

"As vacinas do futuro serán multivalentes, con representación de todas as variantes que circulan do virus". Mais de momento non urxen, como tampouco aprema a necesidade de administrar a terceira dose á poboación xeral, recalca o inmunólogo. "Está demostrado que o esquema vacinal aprobado é máis que suficiente".  

Non é precisa unha terceira dose, afirma "salvo en colectivos inmunodeprimidos ou con problemas no seu sistema inmunolóxico, ben por enfermidade ben por mor dun tratamento. Aí axiña se viu que dúas doses non ían ser abondas", pero a curto prazo non hai evidencia científica que recomende unha dose de reforzo xeneralizada. "Dentro duns anos xa se verá", avanza Gómez Rial, máis preocupado polo avance da vacinación global fronte ao coronavirus.

Vacinación global

"O erro que están cometendo agora moitos países é pensar que vacinando só a súa poboación están protexidos", mais "de nada serve ter 80% da poboación vacinada na Galiza ou 75% no Estado se no norte de África baixa de 10% e máis ao sur esperan recibir aínda a primeira dose", explica o experto, quen chama a facer unha distribución equitativa das vacinas para comezar a administralas onde aínda non se empezou antes de revacinar os territorios máis desenvolvidos. "A día de hoxe, estender a terceira picada á poboación xeral no primeiro mundo sería desperdiciar doses que salvarían vidas noutros países", sentencia.

Neste sentido, Gomez Rial tamén lle dá prioridade á vacinación contra a Covid en territorios con déficit de cobertura artificial fronte á inoculación da poboación menor de 12 anos.

"Posibelmente haberá que vacinala nun futuro, pero agora mesmo falar do inicio dunha campaña masiva en nenos e nenas de menos de 12 anos non o vexo necesario".  Con todo, defende a necesidade de concluír os ensaios clínicos co fin de analizar os resultados e, unha vez aprobado o fármaco, valorar "se hai vacinas dispoñíbeis e se son precisas".

A descenso da Covid muda o cartel de restricións

Con 80% da poboación vacinada, a mellora da situación epidemiolóxica deixa un novo alivio de restricións que non deben afastar a atención das medidas de prevención. "Unha persoa vacinada transmite menos a enfermidade pero síguea transmitindo", lembra José Gómez Rial, quen incide, ademais, na alta contaxiosidade do virus, que evoluciona para pacerse máis contaxioso e transmisíbel.  
"Todos temos gañas de acabar canto antes, de esquecernos da máscara e da distancia social, mais a mellora ten que ser progresiva". Neste sentido, o experto reivindica o uso da máscara en espazos fechados e desbota calquera aglomeración que comprometa a seguridade persoal e colectiva.

A medida que aumente a porcentaxe de poboación vacinada o virus terá máis difícil circular e evolucionar "porque lle custa moito replicarse" nun individuo inoculado. Pero de momento, advirte, "seguimos en fase pandémica" e a "circulación comunitaria" persiste malia pasar desapercibida entre casos leves e asintomáticos.

No futuro, "estou convencido de que o virus non vai desaparecer por completo". Quedará como un virus endémico, estacional, coma outros respiratorios, conclúe.