A vacina de Pfizer para as crianzas chega o 13 de decembro

Unha nena recibe a vacina da Covid-19 nos EUA, onde xa comezou o tratamento das crianzas. (Foto: Ringo Chiu / Zuma Press / DPA)
O fármaco está preparado para a campaña de inmunización das nenas e nenos entre 5 e 11 anos. Na Unión Europea poderá ser inoculado dentro duns días, tal e como comunicou esta cuarta feira a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

As crianzas galegas de entre 5 e 11 anos -as que quedaron sen tratar na primeira campaña de inmunización fronte á Covid-19 por falta de fármacos específicos e o seu menor risco, entre outras cuestións sanitarias e técnicas- poderán ser vacinadas "a partir do 13 de decembro".

Será esa data na que os Estados da Unión Europea poidan dispoñer do fármaco creado polo laboratorio Pfizer para empregar no tratamento de nenas e nenos.

Así o comunicou esta cuarta feira a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que explicou que a farmacéutica manexa esa data para ter no mercado a medicina recentemente autorizada.

En concreto, o remedio obtivo a luz verde da Axencia Europea do Medicamento (EMA) a semana pasada. Así, transcendeu que a dose que se inoculará ás crianzas desta franxa de idade será inferior á empregada en persoas de 12 ou máis anos. En calquera caso, tamén recibirán dúas inxeccións con tres semanas de diferencia.

Chamada á vacinación coa vista posta na nova variante

Malia a comunicación por parte de Von der Leyen, a representante compareceu en rolda de prensa para chamar á poboación europea en xeral a acudir aos centros de vacinación. Para isto garantiu que a Unión Europea tamén conta coas doses suficientes para a campaña de reforzo.

Segundo os datos que forneceu desde Comisión, un 76% da poboación adulta na Unión Europea foi xa vacinada coa pauta completa, pero segue habendo taxas moi baixas en países como Bulgaria ou Romanía.

A xefa do Executivo comunitario incidiu tamén na necesidade de que se manteñan todas as medidas de prevención básicas tales como o uso da máscara, a distancia física e a hixiene das mans para deter esta nova onda da pandemia.

De feito, chegou a admitir que "non se sabe moito aínda" sobre a virulencia e a capacidade de propagación da nova variante africana do virus.