A Axencia Europea do Medicamento dá o visto e prace á vacina de Pfizer en nenos de 5 a 11 anos

A dose será inferior á utilizada en persoas de 12 anos ou máis.

Picada da vacina a un mozo no Estado. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Picada da vacina a un mozo no Estado. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

O Comité de Medicamentos de Uso Humano (CHMP, polas súas siglas en inglés) da Axencia Europea do Medicamento ( EMA, polas súas siglas en inglés) decidiu, nunha reunión extraordinaria celebrada esta quinta feira, dar o visto e prace á vacina de  Pfizer contra a Covid-19 en nenos de 5 a 11 anos.

Segundo informa nun comunicado, a dose será inferior á utilizada en persoas de 12 anos ou máis (10  ug fronte a 30  ug), e do mesmo modo que no grupo de maior idade, adminístrase en dúas inxeccións nos músculos da parte superior do brazo, con tres semanas de diferenza.

Esta decisión prodúcese no medio dun gran aumento de casos de Covid-19 en toda Europa, principalmente pola escasa cobertura de vacinación nalgúns países e porque o colectivo de menores de 11 anos aínda non puido recibir a vacina.

No Estado español os menores de 11 anos son os que acumulan unha maior incidencia acumulada a 14 días por 100.000 habitantes, con 203,57

No Estado español, de feito, os menores de 11 anos son os que acumulan unha maior incidencia acumulada a 14 días por 100.000 habitantes, con 203,57, segundo os datos do Ministerio de Sanidade publicados esta cuarta feira, moi por diante do seguinte grupo, as persoas entre 40 e 49 anos, que se sitúan en 155,91.

A vacina de  Pfizer está autorizada en nenos de 5 a 11 anos en Estados Unidos desde hai case un mes. De acordo cos datos publicados pola Administración de Alimentos e Medicamentos de Estados Unidos (FDA, polas súas siglas en inglés), a vacina tivo un 90,7 % de efectividade na prevención da Covid-19 neste grupo  etario.

Así mesmo, a seguridade da vacina estudouse en aproximadamente 3.100 nenos de 5 a 11 anos que recibiron a vacina e non se detectaron efectos secundarios graves nun ensaio clínico que aínda segue en curso que inscribiu aproximadamente a 4.700 nenos de 5 a 11 anos.

O estudo leva a cabo no Estado español -coa participación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), Estados Unidos, Finlandia e Polonia.

Comentarios