A vacina contra o coronavirus en crianzas

Nos Estados Unidos levan máis de tres millóns de crianzas menores de 11 anos vacinadas. (Foto: Europa Press)
As dúbidas das familias convidan a unha decisión consensuada.

Hai que vacinar as crianzas de forma xeneralizada contra a Covid? Desde que a Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) aprobou o uso da vacina de Pfizer/BioNtech en menores de entre 5 e 11 anos, a mesma pregunta resoa unha e outra e outra vez.

O relatorio de vacinas, o grupo de persoas expertas que marca a estratexia de vacinación para o conxunto do Estado aínda non se pronunciou sobre a necesidade de administrar a vacina de forma xeneralizada. Á espera da súa decisión, as familias amósanse preocupadas e interésanse polos beneficios e prexuízos mais polas posíbeis reaccións adversas que poidan manifestar as crianzas.

O grupo de idade entre os 5 e os 11 anos era até hai unha semana o único pendente de autorización para se protexer fronte ao coronavirus cun fármaco acreditado en persoas adultas e crianzas maiores de 12 anos. É, ademais, o colectivo con maior incidencia acumulada na Galiza e no conxunto do Estado con 350 casos por 100.000 habitantes a 14 días, no caso galego.

Mais esta incidencia, derivada  da suba dos contaxios, non xustifica por si soa a vacinación da poboación máis nova. A aprobación da picada en menores de 11 anos, aclara o pediatra Federico Martinón Torres, non supón ningunha sorpresa en vista de que a axencia americana (FDA) xa o fixera con antelación, dos datos publicados de "inmunoxenicidade, seguridade e eficacia" e da experiencia de máis de 3 millóns de crianzas vacinadas nos EUA. 

"É unha boa noticia dispor de vacinas seguras e eficaces tamén para esta idade", pero a da Covid, defende Martinón, "é menos prioritaria que outras aínda non incluídas no calendario de vacinación infantil".

Unha decisión informada

O experto en Inmunoloxía José Gómez Rial coincide co xefe de Pediatría do CHUS. Dispor dunha vacina contra o coronavirus para maiores de 5 anos é unha gran noticia. Sobre todo "porque nese grupo de idade hai nenos e nenas que están en risco dunha Covid grave, crianzas con doenzas crónicas, con inmunodepresión, que antes non podían vacinarse e agora si".

Con respecto ao resto da cativada, Gómez Rial é partidario de dicirlles a pais, nais e persoas coidadoras "o que hai". "Ten que ser unha decisión das familias, informada e consensuada coas súas pediatras, se o consideran. Non se lles pode dicir que vacinen porque si ou por cubrir unha porcentaxe máis alta da poboación, como parece que se pretende. Os que queiran vacinar os fillos, que os vacinen, e os que decidan non o facer hai que respectalos, tamén".

A carga de enfermidade, "que é o que nos guía para saber se unha vacina está indicada", é moi baixa entre a poboación menor no caso da Covid, lembra Gómez Rial. "A enfermidade é leve en nenos sans e os casos graves son excepcionais", apostila o pediatra, quen mantén, ademais, que a rapazada non é "o reservorio da infección". 

Neste sentido, di Gómez Rial, haberá familias con menores que avoguen por vacinalos porque conviven con maiores ou persoas inmunodeprimidas, "e ven aquí unha forma de evitar a transmisión e protexelas". Pero  tamén haberá quen desbote a vacina ao non advertir un risco de desenvolver unha enfermidade grave".

"A prioridade non é vacinar os nenos do primeiro mundo", di Gómez Rial, senón "vacinar os grupos de risco e a poboación prioritaria alí onde estean", engade Martinón Torres, nomeadamente en países empobrecidos, cun acceso ás vacinas limitado e mellores condicións para que o virus se replique e acumule cada vez máis mutacións.

Os expertos chaman a reparar no actual calendario de vacinación infantil. "Hai vacinas agora mesmo que non están financiadas cuxa carga de enfermidade en menores supera por moito a do coronavirus", alerta o inmunólogo. O rotavirus, o neumococo, o meningococo ou o papiloma humano, "tamén en varóns", precisa Martinón Torres. "Se se trata da protección infantil, son claramente prioritarias", conclúe.

A vacina, dispoñíbel desde o día 13-D

Tras aprobar a EMA a picada en menores, o comité de vacinas da Asociación Española de Pediatría recomendou a súa vacinación para non "privar" a poboación infantil dos beneficios. A dose que recibirán será inferior, en dúas picadas, e con efectos similares ás persoas adultas: cansazo, calafríos, dor no brazo, de cabeza ou muscular, inchazón no lugar da inxección, dor muscular e calafríos. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou onte que os membros da UE disporán desde o vindeiro 13 de decembro das doses de Pfizer BioNTech para crianzas entre 5 e 11 anos.