A UVigo mostrará como rebater, desde as redes sociais, a desinformación sobre saúde mental ou alimentación

As noticias falsas sobre alimentación empregan as redes sociais para difundirse (Foto: Nós Diario).

Perto de 60 estudantes participarán nunha experiencia do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) dentro do Grao de Publicidade e Relacións Públicas para desfacer os mitos e as noticias falsas.

As redes sociais contan con numerosos espazos nos que se divulgan diferentes mitos e noticias falsas sobre saúde mental ou trastornos alimenticios. A súa repercusión na sociedade é evidente polo que se escolleu como motivo de exemplo para que o alumnado do Grao de Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo (UVigo) traballe no marco no marco do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática.

A proposta partiu do profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte, e nela colabora a ONG Ecos do Sur. O obxectivo final procurará unha reflexión, por parte do alumnado, sobre os efectos das fake news sobre esta problemática.

A experiencia non é nova. Nesta, a súa cuarta edición, a novidade será que ademais de estudar e reflexionar sobre o problema, o alumnado deberá empregar vídeos as mesmas redes sociais para espallar recomendacións xerais para a xente  verifique a información e que rebater, desta maneira, as noticias falsas e informacións sen contrastar.

Participación de 60 estudantes

Neste proxecto participan, divididos en dez grupos, perto de 60 estudantes da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva, que reciben formación adicional e asesoramento por parte de Ecos do Sur.

Para Alberto Dafonte, a iniciativa permitirá que o alumnado desenvolva “as competencias da materia” por ter que “crear contidos audiovisuais cun carácter divulgativo ou persuasivo”, destinados a unha audiencia específica.

Da mesma maneira, traballarán as redes sociais principais “en función da temática e o público que escollan e dos seus obxectivos”, sinala o profesor.

Informar coas ferramentas da desinformación

Nesta actividade, tanto o alumnado participante no ApS como o restante debe realizar tanto unha serie de vídeos breves, en formato vertical, pensados para redes como TikTok ou Instagram, como outra peza horizontal, xa de maior duración, orientada a plataformas como Youtube.

Nestas pezas audiovisuais, segundo explica Dafonte, deberán contar “con pautas e recomendacións xerais fronte á desinformación”.

“Segue habendo moito interese pola saúde mental, sobre todo no referido á estigmatización de certas doenzas”, apunta nese senso Dafonte.

Aínda que non forma parte das tarefas da materia, Dafonte anima aos diferentes grupos a tratar de acadar unha "repercusión social" cos seus vídeos a través da súa difusión nas redes sociais, como fixeron gran parte dos participantes nas anteriores edicións, chegando en varios casos ás 100.000 reproducións e contribuíndo desta maneira á loita contra a desinformación.

Alén disto, o docente pon o foco na propia aprendizaxe que esta iniciativa supón para o propio alumnado, xa que obrígaos “a indagar, a valorar a fiabilidade das fontes e a responder ás afirmacións con datos”, o que á súa vez fainos “reflexionar sobre cuestións sobre as que ao mellor non eran conscientes”. Igualmente, a proposta lévaos tamén a pór o foco no que implica “a propia problemática da desinformación en si mesma e o doado que é crear noticias falsas”, contribuíndo “a formar cidadanía con maior espírito crítico e solidario”.

Nese senso, Dafonte destaca tamén o positivo desta actividade á hora de amosar ao alumnado “como desde o seu campo profesional poden ter tamén un impacto positivo e contribuír a axudar a certos colectivos que se ven sometidos a unha cantidade de desinformación que lles afecta na súa vida diaria”.