500 postos de traballo

Facebook criará en Barcelona o seu centro contra as "fake news"

Unha factoría para purgar de noticias falsas a maior rede global, a fundada polo magnate norteamericano Mark Zuckerberg. Iso é o que se vai instalar en Barcelona. As fake news terían colaborado na vitoria de Trump sobre Clinton nas presidencias norteamericanas. A súa existencia dana o prestixio de Facebook.

Agbar
photo_camera Torre Agbar [Foto: NacióDigital]

A aposta da compañía de Zuckerberg en Catalunya para instalar o seu segundo centro europeu anti-fake news -o outro está en Berlín- desmente a retórica das forzas unionistas segundo a cal o avanzo do soberanismo en Catalunya estaría a resultar na perda de investimentos estranxeiros no Principat. Facebook ocupará 9.000 metros cadrados en oito plantas da torre Agbar e empregará por volta de 500 persoas.

É un balón de osíxeno para o soberanismo após se ter perdido a batalla pola ubicación, tamén en Barcelona, tamén na torre Agbar, da Axencia Europea do Medicamento.

A credibilidade de Facebook está posta en cuestión desde que se soubo que a rede foi infectada por multitude de noticias falsas durante a campaña das presidenciais norteamericanas. A intelixencia norteamericana viu na publicación masiva de fake news unha inxerencia orquestrada por Moscova para favorecer as opcións de vitoria de Donald Trump, considerado por Putin como un candidato menos hostil aos intereses rusos, nomeadamente en Siria.

Comentarios