Usuarios de tren no Eixo atlántico acusan Renfe de impor frecuencias "incompatíbeis" coa mobilidade laboral

Pasaxeiros agardan para subir a un tren de Renfe durante a última folga (Foto: Alejandro Martínez Vélez/Europa Press).
Aa plataforma de persoas usuarias de Media Distancia na Galiza afirma que os horarios propostos están "completamente desfasados".

Persoas usuarias de servizos de media distancia ferroviaria entre Vigo e A Coruña denunciaron esta terza feira as dificultades ás que se enfrontan as e os traballadores que se desprazan en tren para acudir ao seu posto polas frecuencias estabelecidas por Renfe, á que afean que non rectifique un modelo "completamente desfasado" e que "aínda non recuperou a normalidade" tras a supresión de servizos durante a pandemia.

Tras coñecerse a decisión de Renfe de adiantar ás 8 horas o tren que partía da cidade olívica cara á Coruña ás 8.30, a plataforma de usuarios de Media Distancia na Galiza asegura que esta medida "non soluciona nada" porque, con este novo horario, as persoas seguen a chegar tarde a traballar.

"Os horarios non serven", sinalan fontes da plataforma, que solicitou xa unhas 200 queixas colectivas relativas aos servizos no Eixo atlántico (A Coruña-Vigo), e outras 180 na liña entre A Coruña e Ourense sobre as frecuencias e horarios fixados por Renfe. Lamentan que os servizos para os milleiros de persoas que se moven entre cidades e vilas galegas en tren para traballar ou estudar non se adaptan ao horario laboral ou docente, ao que se suma que, segundo remarcan, se producen "continuos atrasos".

Apoñen esta situación a que Renfe mantén un modelo "completamente desfasado" e "falto de investimentos durante anos" para unha liña que, no caso do Eixo atlántico da Galiza, é "o cuarto corredor de España" en volume de pasaxeiros, cuns dous millóns anuais que, segundo as estimacións, poderían alcanzar os tres nos próximos anos.

O problema, segundo denuncian fontes da plataforma articulada para demandar mudanzas nas frecuencias e investimentos para modernizar as liñas, é que os servizos non encaixan cos horarios de entrada e saída en postos de traballo en administracións ou entidades financeiras.

O colectivo pon como exemplo que os servizos de media distancia á primeira hora do día entre Vigo e A Coruña teñen saída ás 8.13 horas, 8.20h ou 9.20h, que consideran "incompatíbeis" coa entrada en "moitos" postos de traballo. Para o regreso, denuncian que os trens que parten ás 15 horas da Coruña e Vigo tampouco son compatíbeis cos horarios de saída.

"Antes tiñamos un tren que saía ás 15.30 horas e atendía moitos usuarios. O das 15 xa non nos serve", censuran desde a plataforma, que demanda un servizo de madrugadores e unha frecuencia axustada aos horarios de saída.

O colectivo de usuarios lamenta a falta de resposta por parte de Renfe ás solicitudes de reunión remitidas para trasladar as súas demandas, entre as que tamén inclúen a "flexibilización" das condicións do abono mensual de media distancia, que rolda os 300 euros e que, aseguran, "non compensa" para moitos viaxeiros que, con todo, non teñen outra alternativa para desprazarse aos seus postos de traballo.